Os nenos cantan os reis en Xinzo

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso recupera un ano máis esta tradición galega


OURENSE / LA VOZ

«Cantar os reis foi unha tradición moi arraigada na Limia durante anos e anos no tempo do Nadal», conta Lucía Nóvoa, educadora do Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso. Ela mesma explica como fai anos reuníanse ducias e ducias de nenos que percorrían os distintos núcleos rurais da zona mentres cantaban pezas da literatura popular. «Non deixaba de ser unha forma de transmisión oral da nosa cultura ao longo dos séculos», afirma. A cambio da interpretación destas cancións, os rapaces solicitaban o seu merecido aguinaldo e, con todo o que xuntaban, remataban facendo unha merenda conxunta ou unha foliada. Isto é o que se coñece como cantar os reis, e é precisamente a tradición galega, e limiá claro, que levan recuperando os membros do CDR de O Viso dende hai uns cantos decembros.

Ata vinte nenos se xuntaron este venres en Xinzo para cantar algúns dos temas populares máis coñecidos por todos. Tanto foi así que na súa visita ao centro de día do municipio foron varios os maiores que se animaron a entoar algunhas das cancións. «As pezas son sempre propias da Limia, coma Canto de Nadal de Laroá, do gaiteiro Juan Ferreiro, ou O Patronciño, recollida nas aldeas de Laroá e Fiestras», explica Lucía. Os pequenos cantan aquilo de: «cantámoslle aos reis do quiquiriquí, se non nos dan nada, marchamos deiquí». Sempre atentos a subir a voz se o aguinaldo non aparece. Desta forma, divertíndose e descubrindo parte da cultura da súa terra, recorreron ao longo da mañá distintas rúas do centro da vila. Remataron na Casa da Cultura e o certo é que a xornada foi un éxito tanto polos reis obtidos como polas risas xeradas.

A da capital da Limia non foi nin a primeira nin a última das saídas a cantar que houbo por esa zona. O alumnado de infantil do CEIP Carlos Casares foi un dos primeiros en pedir o aguinaldo no Nadal deste ano. Tamén cantaron os reis os rapaces do CEIP de Sarreaus e os pequenos da Casa Niño de Lodoselo. A iniciativa rematou o venres pola tarde en Vilar de Santos. Foi concretamente na taberna cultural A Arca da Noe, onde un grupo de meniños se animaron a entoar distintas pezas populares.

Dende o CDR O Viso teñen claro que conservar este tipo de tradicións é fundamental para manter vivas as raíces dos pobos de Galicia, neste caso da Limia. «Ademais apostamos polas actividades comunitarias e interxeracionais que reúnen en cada núcleo a persoas de todas as idades», finaliza Lucía.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os nenos cantan os reis en Xinzo