«Xinzo foi sempre unha vila moi futboleira»

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

O historiador Edelmiro Martínez Cerredelo repasa nun texto os cen anos do clube más importante da comarca

24 dic 2019 . Actualizado a las 17:16 h.

A longa traxectoria do club de fútbol máis importante da Limia, o Antela F.C. é a base dun novo texto do historiador e etnógrafo limiao Edelmiro Martínez Cerredelo. O libro presentarase o día 27 na Casa da Cultura de Xinzo as 20.00 horas nun acto ao que se prevé que asistan moitas lendas dun club que marcou a historia deportiva da vila. Con esta actividade o Antela pecha un exercicio anual cheo de actos de recordo aos seus primeiros cen anos de goles, emocións, anécdotas, suores e tardes de domingo inesquecibles de balompé.

-Cando decidiu facer este libro?

-Ocorréuseme cando comprobei que non tiñan pensado facer nada escrito sobre o centenario. Púxenme en contacto coa directiva a finais de agosto. Propúxenlles sacar un libro para celebrar o centenario e que quedase constancia para a historia. Isto tiña que ser previsto con máis antelación, pero en Xinzo somos así.

-Canto tempo lle levou recompilar documentación e escribilo?

-Dous meses escasos. No ano 2016 no meu libro Xinzo de Limia na Memoria, publiquei un pequeno artigo sobre a historia do fútbol en Xinzo, para dar a coñecer que o Antela fora fundado en 1919. Publicando fotos dos primeiros estatutos datados do ano 1919. Isto serviume de base para recoller nova documentación que atesouran algúns ex-xogadores e adestradores, así como investigación de hemerotecas e o meu arquivo persoal.

-Como naceu o Antela?

-Aínda que de seguro xa se xogaba ao fútbol anteriormente, sen organización ningunha, a historia oficial deste deporte en Xinzo de Limia nace dunha conversa de taberna entre amigos nos primeiros días do mes de xuño de 1919. Tratouse da fundación dá Sociedade Deportiva Antela F. C., que deu vida e puxanza ao primeiro equipo do Antela.

-Como é o texto. Está relatado en orde cronolóxica?

-O libro está dividido en dous partes, o texto coa historia que puiden recuperar, e logo a parte gráfica con máis de 160 fotos divididas en varios apartados cronolóxicos. Na primeira hai fotos do regulamento do ano 1919 e de dúas revistas do ano 1919 e 1920, coas primeiras crónicas de partidos xogados polo Antela. Na segunda van fotos do equipo dos anos 1919 a 1971. Logo van imaxes do equipo dos anos 1971 a 2019. Na carta un análise do Antela F. C. xuvenís, cadetes e infantís. Finalmente, na última, un resumo do Antela F.C. Veteranos, que ten tamén unha traxectoria xa longa.

- Xinzo foi historicamente unha vila futboleira?

-Rotundamente si. Á vista está que o equipo cumpre 100 anos, algo do que moi poucos clubs poden presumir. O fútbol foi desde sempre o deporte rei na vila.

-Cal foi o máximo logro deportivo do club nestes 100 anos?

-Foron moitos os éxitos conseguidos algúns dos cales figuran no libro. Destacaría desde o ano 1971 en que o equipo se federa para participar nas competicións oficiais, os momentos máis gloriosos foron o ascenso a Primeira Rexional no ano 1978 que quedou campión de Segunda, e o ansiado ascenso a Rexional Preferente no ano 1984.

-Que personaxes, tanto directivos como xogadores ou técnicos, destacaría?

-Foron moitos os directivos, adestradores e xogadores que destacaron ao longo dos anos, a lista sería moi longa e sempre nos esqueceriamos dalgúns.

-Conte algunha anécdota divertida ou relevante deste centenario...

-A deportividade e camaradería que había durante e despois dos primeiros partidos do club nos anos 20. Acudíase á entrada do pobo, ás veces con banda de música, a recibir ao equipo contrario, e despois do partido celebrábase cun aperitivo e con baile no casino. Nada que ver coa actualidade.