Xosé Santos: «A situación dos montes e dos ríos de Ourense é de cancro con metástase»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

MIGUEL VILLAR

O traballador medioambiental cre que non hai interese en resolver o caso do Barbaña

31 mar 2019 . Actualizado a las 10:10 h.

Gosta das citas e logo de definir o seu traballo parafrasea a Günter Grass: «Dada a situación medioambiental, a ilusión do gardabosques é xubilarse anticipadamente». E o seu cometido é o de «gardabosques, axente forestal, axente medioambiental... aínda que me quedo co de gardabosques, nestes tempos nos que xa non quedan bosques que gardar. Mellor fragas, que é como se coñeceron toda a vida, aínda que agora estea normalizada a palabra bosque».

Xosé Santos é un limiao da Antela que se formou na Escola Agraria de Sergude e que sendo un mozo, tiña 22 anos, comezou a traballar no sector forestal. Sempre comprometido, o mesmo perde días de descanso para viaxar a Bruxelas e denunciar a situación dos ríos e dos montes na provincia de Ourense que sae, a fume de carozo, para loitar contra as lapas en Dodro e Rianxo. Dóelle o tópico que se asocia á súa profesión -«iso de ‘hoxe como chove non traballas’»- e lembra que «un axente medioambiental ten que ter unha visión integral do medio. Todo o que son os traballos silvícolas, coidado do patrimonio natural e prevención de incendios, xestión dos ecosistemas medioambientais e conservación da natureza -flora e fauna, auga e bosques-. Iso é o que sempre nos ensinaron nas escolas agrarias clásicas».

Desertificación sen remedio

A praga dos lumes, os ataques ao medio natural, a falta dunha protección decidida dos espazos singulares ou o deterioro das cuncas fluviais son os males da provincia de Ourense. O futuro non é bo e Santos ten clara a diagnose: «A eiva máis importante é a demografía, a desfeita poboacional dá como resultado que temos unha provincia desertificada, situación que vai máis alá da desertización». Do territorio de mosaico e do uso tradicional do medio controlado pasouse á realidade actual. «Antes era pouco doado que un incendio atravesara dun val ao outro. E podía baixar un lume do monte ás aldeas e aos vales. Agora, normalmente, saen das aldeas e vánsenos ao monte. Por que? polo abandono, a falla desa paisaxe de mosaico e ese coidado que facían os nosos devanceiros. E que facían moi ben».

Tira de estatística para debuxar unha paisaxe cincenta -o 30 % da superficie calcinada do Estado está en Galicia e Ourense concentra máis da metade da mesma- e fala de falta de vontade. «Os nosos responsables políticos nin se decataron nin asumiron que estamos nunha situación gravísima», sinala, ao tempo que tira dos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica «onde se reflicte que de aquí a 30 ou 40 anos na provincia de Ourense, falando de auga e de bosques, vaise producir unha desertización e unha evolución a un clima e unha vexetación máis propia do Levante ou do norte de África do que é unha zona da área atlántica. E é consecuencia da cantidade de lumes que levamos acumulados».

Lembranza dos ríos troiteiros

Incendios que rematan coa vida e que afectan aos ríos. Lembra Santos os tempos infantís nos que o Limia non secaba e había auga para regar. Agora «o Limia non leva auga durante a metade do ano e dende fai catro ou cinco vemos que ríos como o Támega, ou o propio Arnoia, estanse secando». Os tempos e os abusos xa cambiaron unha realidade non tan lonxana, e Santos lembra que «nesta provincia había ríos troiteiros, e salmoneiros, e esa circunstancia atraía a xente doutras partes do Estado español e de Portugal. Ambas realidades, incendios e auga, van parellas e a situación dos montes e dos ríos de Ourense é a de cancro con metástase».

O caso do Barbaña encírrao. Hai lexislación e medios para rematar con esa situación «pero hai desidia por parte da fiscalía e as autoridades. Non lles interesa. E o resultado xa sabemos cal é, que o conxunto da poboación paga as consecuencias de catro ou cinco delincuentes medioambientais».

Da nova película de Oliver Laxe á reivindicación da concienciación

Xosé Santos enfía un discurso no que o mesmo lembra que os primeiros gardabosques xa datan do antigo Exipto, onde coidaban da natureza de ribeira para impedir que o deserto matase o Nilo, que recorda a plataforma ourensá que xa a comezos dos 80 se creou para loitar contra a desertización e o despoboamento. Agora que se fala de políticas demográficas considera que «tarde chegamos, porque hai comarcas que xa son irrecuperables. Daquela si que había posibilidades».

Participou no proxecto de Oliver Laxe que se estreará antes do festival de Cannes -a película Aquilo que arde-. Non sae en pantalla, si compañeiros seus, e salienta a implicación do director pola preparación e o esforzo que fixo para coñecer a realidade e o traballo que fan os axentes forestais. Máncao A Limia, e os abusos que cometen agricultores e gandeiros, e cre que se fan necesarias campañas de concienciación dos cidadáns e crear órganos de participación que funcionen, non como ata o de agora. E volve ás citas para lembrar a Einstein: «A loucura é seguir facendo o mesmo e agardar resultados diferentes».

Limiao. O seu espazo.

Quen é

Limiao. Xosé Santos Otero (Xinzo, 1963) séntese orgulloso de ser orixinario dun pobo a carón de Antela, ese espazo máxico que no seu día foi lagoa. Xa desecada cando naceu, aínda lembra os anos ao pé do lugar das lendas.

 

O seu espazo. A beira do Miño na zona de Untes aínda mantén os sinais cos que se identifica. O río, as aceas, a fraga ben conservada, e unha fauna que coñece dende os tempos da infancia nas terras da Limia.