Edurne Portela e Arantza Portabales participarán nas tertulias literarias

La Voz OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Institutos de Ourense, Maceda, Xinzo de Limia e Allariz participarán nas sesións

18 feb 2019 . Actualizado a las 20:33 h.

A nova edición das tertulias literarias para escolares contarán coa presenza de dúas destacadas autoras da literatura castelá e galega. Edurne Portela, coa súa obra Mejor la ausencia, e Arantza Portabales e o seu libro Deixe a súa mensaxe despois do sinal serán as protagonistas das actividades. Haberá dúas convocatorias: en febreiro e en abril.

Dende hoxe e ata o 21, inclusive, as tertulias terán como punto de encontro a obra de Edurne Portela. Os días 19 e 20 -a partir das 16.30 horas- serán as citas e o 21, ás 18.00 horas, a escritora manterá un encontro cos alumnos para falar de Mejor la ausencia. En abril celebraranse as xornadas arredor de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales.

Alumnos de toda a provincia

As tertulias literarias foron presentadas nun acto no que participaron representantes das dúas institucións organizadoras. Polo Concello de Ourense fixérono o alcalde e a concelleira de Cultura, Jesús Vázquez e Belén Iglesias, e pola Deputación estivo o vicepresidente Rosendo Fernández. Tamén participaron os coordinadores da actividade: Sara Dacal (Concello) e Aurelio Gómez Villar (Deputación).

Participarán nas tertulias literarias alumnos de institutos de Ourense, Maceda, Xinzo de Limia e Allariz. O proxecto naceu como unha proposta do Concello da cidade, implicándose máis adiante a Deputación, o que ampliou o nivel participativo ao incluir a centros educativos de toda a provincia ourensá.