Entroido de Xinzo, puro sentimento


Centroido de Xinzo foi distinguido coa declaración honorífica de Fiesta de Interés Turístico Internacional. O pasado 22 de xaneiro, ás once da mañá, despois dun longo proceso iniciado pola Concellería de Cultura nos comezos da lexislatura do 2011-2015, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anticipábame o anuncio da comunicación oficial do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio do Gobierno de España, na que se informaba: «Una vez estudiada toda la documentación en la que se solicita la Declaración de Fiesta de Interés Turístico Internacional para la Fiesta ‘Entroido de Xinzo de Limia’ (Ourense), esta Secretaría de Turismo, ha decidido otorgar el título honorífico solicitado».

Con elo culminaban satisfactoriamente e mesmo emocionadamente case oito anos de traballo burocrático, reunións, recompilación de datos, informes, exposicións de motivos en institucións, foros e mesmo feiras, como aconteceu o pasado ano en Fitur. Un traballo que se completou e se plasmou exhaustivamente en oito grosos volumes no que o adicado a tradición, ciclo, participación e preservación representaba o núcleo central da argumentación e fío condutor de todos os demais. Un traballo este, que con paciencia franciscana e digno do mellor dos profesionais, elaborou Alfonso Carlos Lois, mesmo cunha doenza de por medio da que felizmente esta recuperado, que o obrigou a manter o dossier en stand by durante meses.

O seu traballo foi determinante para poder presentar un exhaustivo dossier merecedor de todo recoñecemento e eloxio. Pero neste apartado burocrático compre tamén recoñecer o traballo e profesionalidade doutras persoas e empresas, mesmo a de comunicación, contratada polo Concello, que se encargou de recompilar os reportaxes esixidos pola normativa actual no tocante a repercusión do entroido limiao en polo menos dez xornais en papel, de ámbito internacional. Doce presentamos finalmente. Pero, todo este traballo non sería suficiente, nen sequera oportuno, se tras do entroido de Xinzo, non tiveramos séculos de celebración dunha festa singular, socializadora e enraizada en cada un dos limiaos dende sempre, como din os máis vellos.

A declaración de Fiesta de Interés Turístico Internacional ven de confirmar algo que os limiaos xa sabiamos: temos unha celebración senlleira, tradicional e distinta a todas as demais, sen que elo vaia en menosprezo de ningún dos entroidos e carnavales que se celebran nos pobos, vilas e cidades de Galicia. A nosa é especial, e reúne unha morea de características que a fan singular, non en vano nos honran xunto con Tenerife, Cádiz e Águilas con este recoñecemento.

Temos un personaxe propio e exclusivo da nosa vila, a Pantalla, que é un deses elementos que fai que o entroido antelano sexa tan participativo, ninguén e espectador, todos somos parte del. As pantallas convidan a correr e vivir o entroido a aqueles veciños e amigos que, polo motivo que sexa, non se disfrazaban ou disfrazan -cada vez menos- e metelo nun bar, para todos xuntos entre cánticos e risas, contaxiar a maxia e a alegría da festa, compartindo unhas cuncas de viño e moitos sentimentos de pertenza á mesma comunidade, unha especie de comunión coa nosa identidade cultural e social. Somos veciños, herdeiros e temos orgullo de selo! O castigo, e a penitencia, sempre insignificantes, pagar a ronda de viños. O premio será a gratitude de que foran a por ti, de compartir a emoción, de facer aquelo para o que naceron, para o que son e serán as pantallas: animar as rúas da vila e a veciñanza.

Cando Nava me informou da concesión honorífica, confeso a emoción, pensei nos meus veciños e veciñas. Pensei que o entroido unha vez máis nos faría sentir fachendosos de nos mesmos, da nosa vila. Pensei nese orgullo de ser limiao que iamos sentir no pobo, un orgullo necesario para medrar e progresar do que tan escasos andamos por veces os limiaos. Esa autoestima a lo «anuncio do Gadis» para berrar aos catro ventos. «¡Somos Limiaos!, ¡Vivamos como entroideiros!».

E nesta ocasión o orgullo ven da man dunha declaración honorífica. Por eles, por os devanceiros, os que nos amosaron o camiño, e cousas sinxelas como que un disfraz non é un disfraz, senón o personaxe que representas; que unha mascarita non pasea e mira, senón que interactua e comparte ledicia e bromas. Os que nos ensinaron a rirnos de nós mesmos e das nosas cousas. Que en épocas escuras se xogaron a liberdade e o patrimonio por non renunciar ao que lles pertencía, a ser transgresores no entroido, a tradición, e o orgullo de ser de Xinzo de Limia. Por elas, por as mulleres, que salvo excepcións, que as houbo e de merecida sona, durante moitos anos escuros, de machismo, sotanas e uniformes, foron as invisibles, as que preservaron o entroido; auténticas transmisoras das tradicións. Elas vestían aos nenos e aos homes, percuraban roupas vellas e facían os disfraces e os traxes, e as orellas, e as filloas.... e nos contaban historias, e se rían, ¡e como se rían! Foron elas, como aquela primeira leite, as que nos meteron a festa nas tripas.

¿Como non vamos a estar preocupados pola masificación? De certo que o estamos, pero se chegamos ata aquí crecendo e compartindo, como non imos a seguir defendendo con uñas e dentes algo que levamos nas tripas.

Esta distinción honorífica ven no momento preciso, sen ela no entroido xa eramos un imán para festeiros e festeiras, un reclamo para os interesados pola cultura, antropoloxía e a tradición, unha atracción para turistas na percura de experiencias rurais, senlleiras, diferentes. Esta declaración é un «vamos a pensar», a replantexar, a colaborar, a defender, a poñer en valor, e sobre todo a desfrutar e compartir a nosa festa. O mellor entroido do mundo!

Ninguén e todos somos artífices e receptores desta distinción honorífica, os de antes e os de agora, todos e todas temos a responsabilidade de preservar a nosa celebración, ciclo, personaxes e tradicións, e sobre todo o dereito de desfrutala, desfrutala e transmitila. Síntome e debes sentirte orgulloso do teu pobo e da nosa xente. E deste entroido limiao e senlleiro, que é ¡puro sentimento!

Por Carlos Gómez Concelleiro de Cultura

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Entroido de Xinzo, puro sentimento