«Baltar quere marchar a Europa e darlle porta a esta provincia»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

«Todos fomos pachistas no seu momento», di Elvira Lama, portavoz do PSOE na Deputación, que censura o modo en que Pachi Vázquez marchou

13 ene 2019 . Actualizado a las 10:00 h.

É a terceira persoa encargada de asumir a portavocía do PSOE no que vai de mandato. Pese a inestabilidade interna, Elvira Lama Fernández (Xinzo, 1963) afronta esa responsabilidade coa intención de chegar a maio sen máis sobresaltos. «Con axuda dos compañeiros e os traballadores, intentaremos rematar a lexislatura, que pouco queda», di.

-¿Está unido o grupo entón?

-Si, de feito xa no anterior pleno, no que actuei como voceira, unha das compañeiras que precisamente non se pronunciou a favor da miña portavocía levou un tema de sanidade. Eu penso que iso non ten que influír para nada no desenvolvemento do traballo do grupo porque cada un ten que ser responsable do posto que ocupa en cada momento.

-A marcha de Pachi Vázquez desencadeou a crise, ¿pero cre que o partido a xestionou ben?

-Nós somos un partido político que nos dotamos dunhas estruturas e, desta volta, cando se decidiu actuar foi unha decisión consensuada nun órgano colexiado onde houbo unha votación moi maioritaria, non unánime porque o anterior portavoz loxicamente votou en contra. Pero houbo unha votación aplastante e, despois de darlle moitas voltas, de escoitalo e de pedirlle que matizara as súas afirmacións, tomouse unha resolución.

-Sen embargo, hai quen pode pensar que o relevo na portavocía dálle a razón a Pachi Vázquez cando fala de purgas.

-Falar de purgas é un pouco vulgar cando falamos de como funcionan os partidos. Eu creo recordar que cando se asumen tarefas de secretario provincial, e el foi incluso secretario xeral, ninguén falou de purgas cando a dirección decidía quen debía representar ao partido.

-¿Que lle parece isto de que sempre se fale do PSOE en clave de familias internas?

-Dependendo no momento en que nos situemos podes ter máis ou menos afinidade co representante orgánico que está, pero cando votamos e eliximos a un novo secretario xeral, este está lexitimado para conformar o seu equipo. Polo tanto, eu penso que o das familias xa vai sendo hora de acabar con iso. Todos fomos pachistas no seu momento cando Pachi estaba dotado de plenos poderes, pero penso que aos cidadáns o que lles importa é que falemos de resolver os seus problemas; non lles importan para nada as familias do PSOE nin de ningún outro partido.

-Ignacio Gómez era impulsivo e Francisco Fraga máis pausado. ¿Cal será o seu estilo de oposición a Baltar?

-Non se trata de estilos, trátase de trazar liñas políticas. Temos que facer dous tipos de política: unha construtiva e propositiva e, ao mesmo tempo, de fiscalización e de control. Aquí distribúense fondos e non se fai de maneira equitativa dependendo de quen goberne en cada Concello. E non podemos ter cidadáns de primeira e de segunda, que é o que se impulsa desde esta casa.

-Vostedes defenden que a súa proposta de plan único para repartir os fondos beneficiaría incluso aos concellos do PP. ¿Por que eles non se queixan?

-Porque saben que as poucas subvencións nominativas, as poucas as que acceden dese plan Baltar paralelo, lles serían negadas como lles son negadas a outros concellos que non son do PP. Tes que estar a ben co presidente, primeiro para que te reciba e segundo para que atenda as túas peticións. Isto ten que mudar e ao mellor esta presidencia ten que mudar máis pronto que tarde porque eu penso que o presidente, con tanto viaxar polo mundo adiante, está buscando unha saída máis europea que provincial, posiblemente nas listas ao Parlamento europeo. Baltar quere marchar a Europa e darlle porta a esta provincia.

-¿Por que cree iso?

-Baltar é un presidente de corpo presente nos plenos, pero non asiste ás xuntas de goberno nin as xuntas de portavoces e tampouco ás comisións informativas e, polo tanto, moitas veces non se fan preguntas porque os deputados do PP non teñen datos para responder. El agóchase e prefire andar de viaxe e pisar moqueta. Por iso agora o que está buscando é algo máis para encher o seu ego político, que é desmesurado. E, por outro lado, están os datos destes seis anos como presidente: perdemos poboación, temos menos poboación ocupada, temos unha taxa de natalidade baixísima... Aínda que nos envolvamos na bandeira da ourensanía deberíamos ser capaces de ver a realidade.

Sobre a xestión de Pedro Sánchez: «Por decreto non se pode gobernar todo»

O PSOE ourensán ten o obxectivo de conseguir por primeira vez a presidencia da Deputación. Para conseguilo é imprescindible mellorar resultados na capital.

-¿É posible co mesmo candidato que no ano 2015?

-Esa mesma pregunta podería ser para min: «¿Podes gañar en Xinzo sendo ti a candidata se xa o fuches?». Eu penso que depende da situación política de cada momento. Non cabe dúbida que o PP leva gobernando esta cidade sen orzamentos desde hai catro anos e penso que a cidadanía terá que responder cun voto de castigo, con independencia de que os candidatos sexan mellores ou peores.

-E en Xinzo, ¿desta vai?

-Eu penso que si. O ambiente que se palpa na rúa é de que xa abonda. O PP en Xinzo xoga á ruleta rusa de xeito que sempre perde Xinzo e os veciños de Xinzo. Neste último mandato levamos tres alcaldes: un inhabilitado por corrupción, outro que durou apenas dous telediarios e agora temos na alcaldía a unha persoa que foi candidato do PSOE, en certo modo a un tránsfuga que está aí para o que lle manden. E mentres Xinzo é cada vez máis pobo que vila.

-¿Que opina da xestión de Pedro Sánchez no Goberno?

-É unha tarefa arriscada e complexa. Hai un feito obxectivo: temos 84 deputados. E con 84 deputados temos bastante difícil facer unha tarefa de Goberno construtiva porque dependes dos apoios doutras forzas. Hai que levar adiante moitas propostas que está o país esperando por elas. Moitas son posibles por decreto como a subida do salario mínimo ou a das pensións, pero si que é certo que por decreto non se pode gobernar todo. Ademais temos o problema catalán e moitos falan alegremente de cambiar a Constitución pero iso non se fai con 84 deputados.