A Xunta inviste 11.000 euros para promocionar as igrexas románicas de Xinzo de Limia

La Voz XINZO / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Con estes fondos, instalaranse paneis para a interpretación dos templos e códigos QR

06 jun 2018 . Actualizado a las 14:27 h.

Nove igrexas románicas de Xinzo serán obxecto dunha inversión para a súa posta en valor, dentro do programa de melloras de infraestruturas turísticas da Axencia de Turismo de Galicia. Este departamento aportará 11.785 euros do total de 18.131 do orzamento. Eses fondos permitirán a interpretación destes edificios históricos por medio de paneis de aceiro e códigos QR.

Os templos, de gran valor histórico e arquitectónico, foron incluídos neste programa proposto pola Concellería de Cultura de Xinzo. A pretensión do Concello é crer rutas culturais e turísticas nas parroquias e lugares de interese do municipio que complementen a oferta existente na vila.

As igrexas son as de Santa Mariña de Xinzo de Limia, San Tomé de Morgade, San Pedro de Boado, Santo André de Piñeira Seca, San Xoán de Guntimil, San Xoán de Seoane de Oleiros, San Nicolau de Novás, Santa María de Laroá e San Pedro de Solveira de Limia.

Século XII

Todas elas conforman unha boa mostra do románico altomedieval. A maioría delas son de finais do século XII e primeiras décadas do século XIII nas que se aprecia un incipiente gótico. A excepción da Igrexa de Santa Mariña, a «igrexa vella», o templo de maior tamaño, o resto das igrexas románicas do concello caracterízanse por ser moi sinxelas arquitectonicamente. Son de planta rectangular e a maior parte delas rematadas nun único ábside.