«En Maxisterio ía como escondida e ocultaba que el era meu pai»

A historia da educación, a docencia e a renovación pedagóxica unen a Xosé Manuel y Antía Cid


ourense / la voz

Que o teu pai sexa, non só profesor, senón directivo da facultade na que estudas non sempre é fácil de manexar. Así que cando Antía Cid Rodríguez comezou a carreira optou pola discreción. «Eu, en Maxisterio, ía como escondida e ocultaba que el era meu pai. E iso que os comentarios que oía sobre el eran bos!», comenta entre risos a filla do pedagogo Xosé Manuel Cid, vicedecano de Ciencias da Educación. «Algúns colegas que lle deron clase -apunta o pai- aínda se sorprenden de que non chegaran a descubrir que era a miña filla».

Superado ese primeiro chanzo, Antía non pode, nin sequera metafórica ou estratexicamente, seguir negando o pai. E, de feito, non o fai. «Eu dixen que quería ser mestra desde pequeniña, sempre me gustaron os nenos, pero seguro -admite- que pesou a influencia da casa: Moitos libros sobre a profesión, os cursos de verán aos que acompañaba a meu pai e ata o coche con caixas cheas de exames e de libros cos que el sempre andaba dun lado a outro. Ver que o meu pai desfrutaba tanto con iso creo que tamén me influíu».

Cid foi alumno da primeira promoción de Ciencias da Educación, cando se cursaban os tres primeiros anos -comúns a Filosofía, Psicoloxía e Pedagoxía- no Colexio universitario de Ourense. Despois fixo dous anos de especialidade en Santiago. O que hoxe é referente da historia educativa na provincia comezou inclinándose por Psicoloxía «pero abandoneina porque me metín a fondo na tese, posiblemente polos bos profesores de Historia que tiven, como Herminio Barreiro». Ao remate dos cinco anos de licenciatura, Xosé Manuel tivo a oportunidade de volver como profesor ao Colexio Universitario onde foi alumno, incorporándose como docente de Pedagoxía experimental: «Empecei a tese nesa materia; ata un amigo me traía libros en inglés de Estados Unidos! Estiven un ou dous anos, pero non me gustaba».

Así que cando o seu colega de Historia da Educación fixo valer a súa antigüidade para impartir Pedagoxía experimental, Xosé Manuel viu o ceo aberto. O resultado foi unha tese sobre a educación na II República e o inicio dunha carreira na que Antía se ten mirado, aínda que tomando decisión propias. «Cando leve uns anos de docencia base, igual me interesa a Universidade porque a investigación tamén me gusta», argumenta, pero, de momento, séntese a gusto como mestra de primaria.

Despois de Maxisterio -ela foi da última promoción antes dos graos do Plan Boloña-, fixo o segundo ciclo de Psicopedagoxía na Coruña, e alí continuou cun máster de formación do profesorado e outro sobre discapacidades. «Logo animeime e enganchei coa tese», conta. Aquí atópase de novo coa pegada de Xosé Manuel: «O doutoramento é sobre a historia da educación, máis enfocado a necesidades educativas especiais. Na elección do tema axudoume o meu pai, que me suxeriu o padroado María Soriano, que se creou en Ourense en 1966 e que chegou a ter sete centros para alumnos con diversidade funcional».

A envolvente sombra paterna aproveitouna tamén Antía ao escoller a especialidade de Maxisterio: «Eu tiraba moito a Infantil, pero el aconselloume que Inglés ía ser o futuro. No curso de Erasmus, el tamén me aconsellou que fose a Boloña». Claro que neste último punto os consellos de Xosé Manuel non foron tanto de pai como de xestor, posto que é o coordinador dos programas de intercambio da facultade. Pero niso, asegura, Antía foi unha máis.

Xosé Manoel Cid (Morgade Xinzo de Limia, 1957). Antía Cid (Ourense, 1990).

quen son

Xosé Manoel Cid (Morgade Xinzo de Limia, 1957). É vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación. Especialista en historia da educación e pedagoxía social, centrou a súa tese na II República.

Antía Cid (Ourense, 1990). É mestra e psicopedagoga. Traballa ensinando inglés no colexio privado Miraflores e está realizando a tese de doutoramento sobre as escolas para nenos con diversidade funcional.

«En educación está todo dito, non hai moito máis que inventar»

Os camiños de pai e filla conflúen en Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica ao que se afiliou Antía na súa etapa de Psicopedagoxía e do que o seu pai foi presidente. «A miña vertente é moito máis teórica; eu non me dediquei á escola, sempre á universidade. Esa é a diferencia», comenta Xosé Manuel. Claro que Antía, que compaxina o doutoramento co traballo de mestra de inglés nun colexio privado, aprendeu ben que a Historia da Educación non é só teoría. «Esta materia -expón o pai- non che dá técnicas para a intervención concreta pero, se a vives de cerca, ves que está case todo dito: contidos, métodos, enganche dos alumnos… Non hai moito máis que inventar».

En Decroly, Montessori, Sensat, Freinet… e nos movementos de renovación pedagóxica están as claves: «Inda podes beber hoxe deles porque todas as claves para, por exemplo, o uso das novas tecnoloxías están aí. Eles din que o importante é para que usas a técnica, non a técnica pola técnica». Con tantos puntos de encontro non é raro que a docencia estea moi presente na mesa familiar e que as dúbidas e os consellos se compartan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«En Maxisterio ía como escondida e ocultaba que el era meu pai»