Entroido da nosa Antela

José Antonio Parente O OURENSE TERRENAL

XINZO DE LIMIA

21 ene 2018 . Actualizado a las 12:13 h.

Co comezo de Mr 2018, no Ourense Terrenal prodúcese o pistoletazo de saída do entroido, para o xa desaparecido «triángulo máxico» Xinzo-Verín-Laza como para as máscaras e folións de Viana, Vilariño, a Veiga, traxes como o felo da Corga da Serra de Maceda, a pita de Eiroás ou as bonitas de Sande, pero se dun entroido podemos falar por duración, é do entroido da nosa Antela, o entroido de Xinzo.

Un entroido no que aló pola década dos sesenta -cando Julio Santana, Manolo Santana, Antonio Venecia, Juan Pérez, Pepe Ojea Mica, Aurelio ou Gerardo eran organizadores- só había dous grupos de gaiteiros e dous grupos de música, e que chegados a 2018 está a espera de ser declarado como festa de interese turístico internacional e no que participan decenas de charangas, orquestras, grupos de música tradicional, que representan o cambio e a evolución que estes pioneiros empezaron a organizar décadas atrás. Un entroido que evolucionou gracias a moitos traballadores e «todoterreos» que hoxe xa non están, como Manolo Santana ou Toñito Maestro e que sigue coa esencia de incansables como Julio Santana ou Suso Fariñas que xunto con Segundo crearon a Asociación da Pantalla, traxe e máscara limiao, unha esencia que dende ben pequenos e de pais a fillos se transmite polos xenes ou polo sangue.

O entroido da nosa Antela deu saída onte dende a Praza de Carlos Casares. Despois da conta atrás e de que o petardo fixera o seu estrondo, deu comezo o máis longo dos entroidos de Europa, só igualado por Venecia e que só supera Brasil. Hoxe a praza Maior e as rúas do casco vello cambiarán o seu aspecto e color habituais pasando a estar tinguidas de branco, un branco dos farelos do domingo fareleiro.

A vindeira fin de semana, o sábado as rúas do casco vello estarán iluminadas cos fachóns de palla que acompañarán en procesión ao colgamento do meco e que irán amenizados coa son da música tradicional e as cantigas dos homes e mulleres limiaos. O domingo 28 voarán as olas de barro que chegan de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), no domingo de oleiro.

A seguinte fin de semana, o domingo día 4 as rúas de Xinzo comezarán a sentir o son das campanillas e o bater das vexigas que saen por primeira vez en corredoiro a recorrer as rúas do pobo. Chegados a vindeira fin de semana comezan os cinco días de Entroido que terminarán co domingo de piñata, non sen antes escoitar os choros dos veciños e veciñas de Xinzo cando o mércores de cinsa no enterro da sardiña.