Tres publicacións pechan en Ourense o ano adicado a Carlos Casares

La Voz OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

xmr

Lethes, Raigame e Ir Indo presentaron no Marcos Valcárcel o seus traballos

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Remata o ano adicado a Carlos Casares e institucións, colectivos e editoriais desenvolven as últimas actividades do exercicio no que o escritor ourensán foi o protagonista do Día das Letras Galegas. No Centro Cultural Marcos Valcárcel presentáronse tres publicacións con Casares como protagonista e que contaron co apoio da institución provincial. Bieito Ledo -editorial Ir Indo-, Delfín Caseiro -Centro de Cultura Popular do Limia-, Xulio Fernández Senra -Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo- e o vicepresidente da entidade, Rosendo Fernández, participaron no acto no que se deron a coñecer as novas achegas.

Homenaxe a unha amizade. Carlos Casares-Marcos Valcárcel, o libro de Ir Indo, foi un proxecto promovido por AfonsoVázquez-Monxardín que inclúe o texto de Ourense, de agua e pedra -pouco coñecido- con outros dous onde Carlos Casares fala de Marcos Valcárcel e o historiador do escritor. O editor, Bieito Ledo, salientou que a publicación conta «cunha recolleita de preto de cen ilustracións que fan referencia ao texto e axudan a reinterpretar a cultura de Ourense e a propia cidade».

Delfín Caseiro presentou o volume monográfico da revista Lethes adicado a Casares. Agradeceu o apoio da Deputación ao proxecto editorial, que fixo posíbel publicar os números doce e trece, e sinalou que sen esta axuda a revista tería desaparecido. En total son dezaseis traballos relacionados coa figura e a obra de Carlos Casares a cargo de recoñecidos autores: de Chus Pato a Riveiro Coello, pasando por Luís Álvarez Pousa ou Federico Cocho. O roteiro sobre o autor e a Limia ou os traballos presentados ao concurso escolar do Centro de Cultura Popular do Limia completan os contidos.

A máis completa bibliografía

No caso da asociación cultural ourensá Xulio Fernández Senra sinalou que o libro

Carlos Casares (1941-2002). O legado dun escritor

naceu a partires do número corenta da revista

Raigame

. Na presentación da mesma, que se esgoutou, o presidente da Deputación propuxo editar a publicación en formato libro. «Iso é o que presentamos hoxe, pero con dúas novidades: unha achega de Delfín Caseiro sobre as colaboracións de Casares co Liceo e a bibliografía más completa que existe sobre o autor», sinalou Fernández Senra. A mesma foi elaborada por Gustavo Garrido, da Fundación Carlos Casares.

Xinzo de Limia entrega o premio do concurso de deseño da portada de «Vento ferido»

A piques de rematar o ano, na vila natal do autor protagonista das Letras tamén queren festexalo por todo o alto. Por iso, para esta tarde ás oito, teñen organizado o acto de clausura, nunha gala que se celebrará no auditorio Ángel Cocho. O acto comezará ás 20.00 horas, coa entrega de premios do xornalismo literario e do concurso de deseño da portada de Vento ferido. Escolleuse esta obra por cumprirse este ano o 50 aniversario da súa primeira publicación, coa idea de ter unha posible capa en caso de que nalgún momento se decidira facer unha nova impresión, segundo apuntan desde o propio concello e tal e como recollen as bases do concurso. Para poñer o broche de ouro á gala, está previsto o concerto da coral De Ruada, nun acto no que o Concello conta co apoio económico da Deputación.

O peche do ano dedicado ao autor suporá tamén o peche da exposición O Principiño arredor do mundo, da colección privada do autor; e que está instalada na sala inferior do Museo do Entroido. Os interesados en vela aínda teñen todo o día de hoxe, desde as dez á unha, e de novo de catro a seis da tarde.