O ciclo Do Audible 2017 trae ao espazo de Xinzo de Limia «Memorias líquidas»
21 jun 2017 . Actualizado a las 19:35 h.Hoxe • 20.30 hora • Museo Galego do Entroido (Xinzo de Limia) • Gratis • Dentro da programación do ciclo de música contemporánea Do Audible, da Consellería de Cultura, para hoxe está prevista unha sesión no Museo Galego do Entroido. A proposta que chega a Xinzo de Limia esta tarde, e que leva por título «Memorias líquidas», é un espectáculo con obras para percusión en diálogo coa auga que contará coa participación do músico brasileiro Luís Bettencourt.
Segundo Cultura, a proposta de Bettencourt é «un espectáculo con obras para percusión que utilizan a auga como obxecto de exploración artística, sexa de forma simbólica ou mesmo real, a través da manipulación do líquido como instrumento musical». O creador brasileiro convidará ao público a apreciar sons que adoitan pasar desapercibidos da nosa atención, como o que provoca o caer das pingas da choiva sobre o chan ou sobre obxectos, nun fluxo sonoro continuo e inspirador.
«Memorias líquidas» aposta por instigar a curiosidade e, ao mesmo tempo, achegar ao público a estética musical contemporánea.