A Real Academia Galega lembrou en Xinzo a figura de Carlos Casares

La Voz LA VOZ

XINZO DE LIMIA

SANTI M. AMIL / RUTH NÓVOA / CARMELA QUEIJEIRO / MIGUEL VILLAR

As diferentes vertentes dunha «personalidade poliédrica» foron salientadas na homenaxe do Día das Letras Galegas

17 may 2017 . Actualizado a las 20:35 h.

A coincidencia xeralizada de que a figura de Carlos Casares non se entendería sen Xinzo e a Limia fixeron da vila ourensá «capital da cultura galega» neste 17 de Maio. A Real Academia Galega celebrou sesión extraordinaria no Concello de Xinzo e Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero foron os encargados de incidir en facetas concretas do escritor.

Casalderrey percorreu os escenarios da infancia ourensá de Casares e reivindicou a súa contribución á literatura infantil e xuvenil en galego. Pola súa banda Monteagudo incidiu na súa obra novelística e afondou na faceta de escritor e de gran contador de historias. O expresidente da RAG, Xesús Alonso Montero, referiuse á unha faceta menos coñecida de Carlos Casares: a de poeta, entre os anos 1963 e 1968, e de admiración polo Che Guevara e fascinación polo ideario marxista, un aspecto que o seu mentor Ramón Piñeiro combatía no epistolario que entre ambos se cruzaban.

Logo do acto da RAG houbo unha sesión pública na Praza Carlos Casares na que se descubriu unha placa para lembrar as Letras Galegas do 2017 e ao seu protagonistas e na que interviron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o fillo maior de Casares, Hákan, o alcalde de Xinzo, Antonio Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense. María do Ceo cantou durante este encontro cidadán coa figura de Carlos Casares os temas «Xinzo» e «Carlos Casares».