Un libro recolle a relación do escritor coa súa terra antelá

A obra recolle experiencias persoais, impresións e valoracións sobre a chaira


xinzo / la voz

O recordo de paisaxes e persoeiros variopintos, dende o doutor Benito Rodríguez de Sabucedo ata os seus avós, marcan a ampla selección de artigos de Carlos Casares que conforman o libro Á marxe do Limia presentado onte na Casa da Cultura de Xinzo. O texto é un amplo abano de columnas publicadas e denominadas Á marxe. Recollen experiencias persoais, impresións e valoracións sobre a chaira limiá, a vida das súas xentes, os seus costumes e diferentes aspectos vistos dende a óptica dun home que pasou os seus primeiros anos e a súa mocidade nunha vila que nunca o esqueceu e a que él sempre retornaba canto podía.

Home namorado do mito da Lagoa de Antela, do Limia, dos labregos e daquela comarca rural na que foi a escola e aprendeu a amar as letras a finais dos anos 40 e principos dos 50, Casares nunca quixo alonxarse moito da terra que o considerou sempre o seu fillo. Os textos recopilados no libro presentado onte son unha boa proba delo.  

A masiva afluencia de público a presentación do texto e o posterior encontro de escritores limiaos, moitos deles discípulos de Casares ou herdeiros do seu espirito literario, foi o prólogo a uns actos de homenaxe que culminarán hoxe coa reunión na capital da Limia da xunta directiva da Real Academia Galega.

Onte foi un bo momento para o recordo dalgúns dos seus paisáns. Varios deles repasaban a súa relación co escritor finado en sentidas testemuñas. Seu  amigo, o exalcalde de Xinzo, Gonzalo Iglesias Sueiro, rememorou as imaxes de Casares indo a comprar libros en Ourense. Así o coñeceu a finais dos anos 60. «Foi un mozo da Limia que conseguiu a gloria literaria», expresaba o docente e exdelegado provincial de Educación.

Sueiro aínda rememora a súa última conversa con Casares. Daquela o socialista era rexedor limiao. Foi hacia o ano 2000. O seu derradeiro encontro desenvolveuse  no decurso dunha cea homenaxe promovida pola agrupación cultural Civitas Limicorum  que contou coa presenza doutro destacado escritor, Fernando Sánchez Dragó: «Tiña unha memoria prodixiosa. Era un excelente narrador e un ameno conversador e aquela xuntanza foi un bo exemplo de todo elo», afirma Sueiro.

Outro dos seus coñecidos, o deputado autonómico e edil de Turismo e Comercio, Carlos Gómez, insistía en remarcar o enorme vínculo que unía a Casares e Xinzo: «El era limiao, non había dúbida sobre iso. O feito de que case 300 columnas no xornal as adicara a temas referidos a nosa comarca ou a Xinzo foi un bo exemplo desa relación tan estreita», sinalou. «O seu desenrolo emocional na nenez está totalmente vencellado aquí. E esa relación de afecto foi sempre recíproca. Temos un profundo orgullo de considerar a Casares como fillo da vila», sentenciou Gómez.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un libro recolle a relación do escritor coa súa terra antelá