«O seu humor facía máis áxil a convivencia»

XINZO DE LIMIA

MIGUEL VILLAR

As míticas bromas de Casares contaron coa complicidade do seu mestre e xefe no Hospital maternal

07 mar 2016 . Actualizado a las 21:57 h.

Foi músico, toureiro, locutor radiofónico especializado en partes de guerra, axente de miss España e conseguidor fraudulento de empregos sanitarios. Todo iso e, de propina, concelleiro, parlamentario, xestor hospitalario e pediatra.

A medicina infantil enche o currículo profesional de Javier Casares Mouriño (Xinzo de Limia, 1946), un camiño que percorreu ao lado dun histórico da pediatría, Federico Martinón Sánchez.

«Eu tiven varios mestres importantes -reconta Casares-: o primeiro foi o meu pai, na escola unitaria de Xinzo; o segundo, Antonio Rodríguez, de Matemáticas, facendo bacharelato no colexio Santa Mariña, que era unha academia privada de Xinzo, e o terceiro, José Luis Bobillo, tamén na academia, que me induciu á lectura coas súas clases de Literatura. Xa na vida profesional, o meu mestre foi Federico Martinón; o seu maxisterio foi introducirme no amor a unha profesión tan vocacional».

Os seus primeiros pasos xuntos déronos nun proxecto que tamén comezaba, o hospital materno infantil Infanta Elena. Uns meses antes da súa apertura en xuño de 1977, Casares chegara alí para facer o Rotatorio, o antecedente do actual MIR. Martinón fíxoo traendo baixo o brazo, oposición mediante, a praza de xefe do departamento de pediatría.

«As miñas esixencias eran moitas -admite Martinón- porque tiña moitas ambicións para este departamento, e Casares aceptou o reto e fixo un esforzo tremendo: gardas día si e día non, traballo todos os sábados, organización de reunións, relatorios en varios congresos, publicación de traballos... E iso sendo só un médico residente!».

«Tiven sorte de atopar a Martinón como mestre -asegura Casares- e de encontrarnos cun proxecto a desenvolver como levar adiante un hospital materno infantil, o primeiro de Galicia como tal hospital. Era un reto no que Martinón soubo ilusionarnos a todos colectivamente e, individualmente, soubo como estimular a cada un».

Daquel flamante licenciado que era Javier Casares, Martinón apunta que foi sempre «leal, tenaz, amigo e con capacidade de resposta eficaz». Destaca o seu «carácter disciplinado e de servizo», que o levou a formarse en varias subespecialidades pediátricas para adaptarse ás necesidades do hospital e tamén a implicarse na xestión do propio centro como director médico e na vida social como concelleiro e parlamentario do PSOE.

«Martinón e eu temos posturas ideolóxicas distintas -retruca Casares-, pero para nós o importante era como funcionaba o hospital. El era moi rigoroso e moi esixente con todo o que nos encomendaba. E era moi claro dicindo as cousas. Eu compaxinei ser parlamentario en Santiago coa pediatría e nunca tiven con el o máis mínimo problema, senón todo o contrario».

Para engraxar as dificultades e os malos momentos profesionais, Javier Casares aportoulle ao hospital «algo importante para o traballo, algo que facilitaba a convivencia profesional: o humor e o sorriso».

Os capítulos dese libro son numerosos. Na charla entre pupitres -neste caso os da escola infantil do hospital- mestre e discípulo repasan a gargalladas os momentos máis célebres das bromas de Casares. Como cando fixo de toureiro como colofón a un congreso con médicos de primaria ou, en pleno 23-F, improvisou cun radiocasete un noticiario con partes de guerra nos que se cominaba a un compañeiro médico a presentarse no posto da Gudiña como antigo alférez provisional».

No relato aparece tamén aquela outra en que fixo correr polo hospital o rumor de que unha MIR que se ía incorporar era miss España. Ou cando ofrecía postos de traballo no servizo e teatralizaba, coa complicidade de Martinón, unha situación de enfrontamento político entre os dous para recibir aos novos médicos en prácticas: «Na primeira reunión do día co novo MIR Martinón ía de dereita dura e eu, de los rojos, con pin da URSS na solapa incluído, e facéndolle ver que tiña que posicionarse cuns ou cos outros».

Ás bromas -sempre de curto percorrido, matiza Martinón-, sumábase a paixón musical de Casares, que chegou a formar cun colega un dúo de nome moi médico: Duo deno.

Un xornalista frustrado que fixo a tese na cama de Martinón

Javier preparou o ingreso á Escola de Xornalismo de Madrid, pero cambiouno pola Medicina para poder estudar en Santiago e non desgustar á nai. Foi a cesión dun rapaz que tiraba polas Letras, pero ao que lle gustou sempre a Pediatría, talvez pola influencia do seu primeiro médico, Abelardo Carballo, «que tiña moita man cos nenos». Antes foron anos de academia en Xinzo e uns exames por libre no Posío que cualifica de tortura: «Eu no Bacharelato fun un desastre; era moi traste, gustábame xogar na rúa, ao fútbol... Tiñamos un equipo, o Beón, que nunca perdeu!».

Xa traballando, rematou a tese de licenciatura dun xeito que semella unha das súas bromas pero que, corrobora o seu mestre, é absolutamente real: «Martinón, que ma dirixía, estivo encamado un par de meses por unha operación de hernia discal e eu ía á súa casa e traballabamos con todos os libros esparexidos pola cama, así que podo dicir que a miña tese foi feita na súa cama».