Ourense: «É importante que se recoñezan e se premien os traballos de recuperación»
O arquitecto Manuel Seoane recibirá o vindeiro sábado en Maceda a medalla de prata da asociación Setestrelo
O castelo de Maceda acollerá o sábado a entrega dos premios Manuel Gómez Román, unha convocatoria da Asociación Amigos do Castelo de Maceda Setestrelo que ten como obxectivo recoñecer iniciativas «para a defensa do patrimonio monumental e arquitectónico popular». Xunto aos proxectos galardoados, unha rehabilitación nas Fragas do Eume e a recuperación das Hortas de Caramoniña (Compostela), Setrestelo entregará a súa medalla de prata ao arquitecto Manuel Seoane Feijoo. Docente na Escola de Artes Antonio Faílde, ten desenvolvido proxectos de rehabilitación da catedral de Ourense e noutros espazos patrimoniais da provincia.
-Setestrelo recoñece a súa ampla traxectoria profesional, a implicación na investigación e difusión da cultura da Limia e a súa implicación co propio proxecto do colectivo.
-Unha chea de cousas, é certo. Seguramente o que máis inflúe é o traballo desenvolvido na Limia e a revista Lhetes, un proxecto de investigación e de divulgación promovido en colaboración con Xosé Manuel Badás que ten servido para dar saída a traballos e iniciativas de xente de moita valía, como se ten demostrado co paso do tempo. Tamén son colaborador do Grupo Larouco e tento axudar no que podo en Aquis Querquennis.
-Tamén ten relación co espazo onde vai recibir o recoñecemento.
-Representa a miña relación cos traballos de rehabilitación e de patrimonio. Empezamos facendo a recuperación do castelo de Maceda. Foi un encargo institucional e eran traballos de limpeza para ir valorando a futura intervención no lugar. Algo que co paso do tempo é unha realidade.
-¿Que se premie a rehabilitación e a posta en valor do patrimonio era algo que se botaba de menos?
-É algo importante que se recoñeza ese traballo e que se premien obras realizadas. Neste senso esta convocatoria fai un labor importante e de interese para o sector dos arquitectos.
-Un aspecto no que tamén incidía a desaparecida convocatoria en memoria de Rodríguez Peña.
-Foi unha mágoa, porque era unha boa iniciativa e por riba mantiña viva a memoria dunha persoa da calidade humana de Pepe Peña, pero pouco durou aquel proxecto.
-Volven estar de actualidade os mosteiros. ¿Que foi da proposta para Trandeiras?
-Iso é un desastre. A campaña para recuperalo fora unha iniciativa do Centro de Cultura Popular do Limia e todos nos implicamos para que se fixese algo, pero non houbo maneira. É un escándalo, porque o mosteiro é propiedade do Concello de Xinzo e o malo é que en todos estes anos non saiu de alí nin unha soa idea para facer algo con Trandeiras. Unha vergonza.
Comentarios