«A investigación histórica custa cartos e a axuda é escasa»

XINZO DE LIMIA

O escritor de A Limia cre que hai poucas axudas para afondar no pasado

18 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O veterano escritor limián Edelmiro Martínez Cerredelo, descubriu tardiamente a súa decidida vocación pola investigación histórica e, en concreto, polo pasado do seu pobo, Xinzo. Dende fai só algunhas décadas ata acontecementos de fai varios séculos, os textos de Cerredelo son algúns dos máis logrados repasos sobre os acontecementos vividos na vila.

-¿Cando empezou o seu interese pola historia, e cando comezou a publicar textos sobre iso?

-O meu interese pola historia vén dende que era neno, pero nunca se me pasou pola cabeza investigar e menos escribir sobre a nosa historia. A miña curiosidade aumentou durante a asistencia ás Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo no Campus de Ourense a partir do ano 2003. O contacto cos profesores e os traballos foron decisivos para incentivar esa vocación.

-¿Cal é a base da investigación histórica? ¿Que fontes básicas usa para elaborar os seus libros?

-Para escribir sempre recorrín ás fontes da bibliografía xa redactada, hemerotecas, bibliotecas e basicamente á investigación en arquivos municipais, provinciais e nacionais así como nalgúns casos aos recordos das persoas maiores, especialmente no tema da memoria histórica da guerra civil e da guerrilla na Limia.

-Escribiu textos sobre diferentes aspectos moi pouco coñecidos do pasado da Limia, ¿pensa que había un baleiro nese descubrimento da historia limiá?

-Hai numerosos traballos de artigos sobre distintos aspectos da historia da Limia, pero penso que a miña achega é fundamental para coñecer a historia da vila de Xinzo no seu conxunto. Un libro como Historia de Xinzo de Limia, só o teñen algunhas cidades e moi poucas vilas.

-¿Cal cre que é a causa desa relativa escaseza de textos sobre a historia contemporánea de Xinzo e da Limia?

-Creo que a falta de historiadores e investigadores que escribisen sobre a Limia pode deberse a que nos arquivos municipais da bisbarra non existe documentación ningunha de interese e hai que recorrer a arquivos provinciais, rexionais ou nacionais. A investigación é moi traballosa e custa diñeiro: desprazamentos, aloxamento e manutención, etcétera, e poucos están dispostos a sacrificarse e a axuda institucional é escasa.

-¿Cal é o período de tempo contemporáneo menos investigado e explicado da historia da bisbarra? ¿A transición democrática?

-O tema do franquismo está suficientemente investigado e publicado no meu libro pero si é certo que a transición democrática na Limia está pendente de escribir. Creo que fai falta que pase algo máis de tempo para ter unha mellor perspectiva histórica do tema. Creo que sería máis interesante investigar e escribir sobre a nosa historia antiga, os arquivos dos condes de Monterrei e Lemos, por exemplo.

-¿Pensa que existe un interese por parte dos limiáns por coñecer o seu pasado ou é unha materia aínda pendente?

-Interese por parte dos veciños existe. A mostra é que os meus libros, estando esgotados, teñen aínda demanda nas librarías; e iso é moi positivo. Aos veciños, maiores e novos, interésalles moito coñecer a súa historia e as súas orixes, recibindo como auga de maio todo o que se publique sobre o tema.

-¿En que texto está a traballar agora?

-Aínda cando na presentación do meu último libro Historia deXinzo de Limia manifestei que sería o último que escribiría, como teño varios artigos sobre distintos temas relacionados coa nosa historia, propúxenme xuntalos e deseñar con eles a publicación dun novo libro.