«O pobo tense que implicar na festa do Esquecemento»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE

XINZO DE LIMIA

Entrevista | Silvia Dopazo Expósito A nova directiva do colectivo cultural que organiza a recreación histórica limiana decidiu volver a cambiar a data da celebración á segunda quincena de agosto

10 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? pasado 23 de marzo a Silvia outorgáronlle a responsabilidade de dirixir o futuro do colectivo que en Xinzo organiza a recreación histórica da Festa do Esquecemento, a asociación Cívitas Limicorum que ten, por primeira vez na súa historia, a unha muller como presidenta. Unha circunstancia que, asegura, non lle provoca especial tensión. -Ao principio dáche un pouco de medo, non por ser muller, senón pola responsabilidade. Pero para min é un orgullo, despois de toda a vida participando na festa, que me encomendaran constituír a nova directiva. O que me pesa é relevar a Carlos Gómez Salgado, que estivo ao fronte desde a creación do colectivo, hai seis anos, e que o fixo moi ben. Afortunadamente vai a seguir colaborando. -¿Custoulle atopar voluntarios para traballar no seu equipo? -A verdade que non. De feito incluso logramos a paridade, non entre homes e mulleres porque eu son a única, pero si entre castrexos e romanos porque temos dos dous grupos. -¿Cal é o seu principal obxectivo? -Creo que no que debemos traballar especialmente é en buscar unha participación máis activa da xente de Xinzo. O pobo tense que implicar na Festa do Esquecemento. Non é só un desexo meu, senón algo do que vimos falando todos na directiva porque notamos que, inda que hai apoio, sería necesario un novo empuxón. Ao mellor é que cando as cousas se empezan hai outra ilusión que despois vai decaendo. Nos gustaría que os veciños participasen máis, vestíndose, e apoiando coa súa presenza os actos. -¿Xa están traballando na de este ano? -Si, porque é unha festa bastante complexa e, inda que hai cousas que xa están moi rodadas, temos que procurar mellorar cada ano no posible, e dentro deso tamén na promoción. En abril temos prevista unha viaxe para desfilar nos en Roma na festa que organizan para celebrar a fundación da cidade e a que nos convidaron. Iremos coas nosas vestimentas e levando o nome de Xinzo e da festa. -¿Está prevista algunha novidade? -A principal é o novo cambio de data. Decidimos volver ao penúltimo fin de semana de agosto, que este ano será entre o 17 e o 19 dese mes. O motivo é que o ano pasado, que se fixo o primeiro domingo de agosto, o certo é que non funcionou tal e como se esperaba. Non sabemos si esa é a razón, pero sospeitamos que pode ser ese o motivo e por iso imos a volver a data orixinaria.