TOLOS E NOMEADAS

CARLOS CASARES

XINZO DE LIMIA

13 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día estiven nunha cea ó aire libre, na illa de Toralla, cun grupo de amigos, entre os cales había varios compañeiros de infancia en Xinzo de Limia. Inevitablemente, puxémonos a recordar. Empezamos polos tolos. Case ninguén se acordaba do Chino Japonés nin do Mangante, pero todo o mundo lembraba historias do Picamoca («Pica a moca e o tabao», dicía nos veráns), ou do Turito Vila, que para dispararlle o mal xenio abondaba con pegar un zapatazo no chan, ou do Luis Caralsol, que pedía con timidez, ou do Leoncio, tan cariñoso que só falaba por diminutivos (dona Manolitita, chamáballe á miña nai). Os nomes dos tolos leváronnos a falar das nomeadas. Ningún de nós sabía por que a un señor que tiña unha taberna na estrada de Lamas, case na Ladeira, lle chamaban Ceroquince. Igual nos sucedeu cando nos acordamos do dono do Café Ideal, a quen toda a vila coñecía polo alcume de Seisreás. Máis fácil de entender era por qué ó Roncollo lle chamaban así ou cal era o motivo de que ó Malarraza o bautizaran daquela maneira. Aínda nos quedaron o Queixo, o Deféndeme, a Peseta Culinó, a Miracielos, o Apalominado, o Bailaré, o Carpintas, o Sarillo, o Soviético, o Pepiño Guante e tantos outros. Curioso costume este de cambiarlle o nome á xente e conseguir ademais que se convirta no seu identificador verdadeiro. Esto é así ata o punto de que moitas veces, nunha cousa tan seria como as esquelas, os mesmos familiares do morto poñen a nomeada entre paréntesis para que se entenda ben de quen se trata. Aínda hai pouco eu vin nunha desas páxinas mortuorias a un señor que lle chamaban Talladas. Por suposto, fora carniceiro.