J. B.

La Voz

XINZO DE LIMIA

CARLOS CASARES Á MARXE

13 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasei unha boa parte do día de onte na illa de Toralla, comendo cuns parentes que teñen casa alí. Na sobremesa falamos moito de Xinzo de Limia e eu fixen moitas preguntas sobre xente á cal non vexo desde hai anos. Algunhas das respostas, inevitablemente, foron tristes: co paso dos anos, as persoas van desaparecendo. Alegroume en cambio saber de veciños que viven e beben, aínda que a idade mos faría irrecoñecibles. Un deles, o Jotabé, un tipo moi popular, a quen todo o mundo nomeaba desa maneira, pois en realidade chámase Julio Barge. Intelixencia natural Deste home xa falei aquí nalgunha ocasión, cando contei cómo inventara un sistema particular de escritura para levar a conta dos polos que vendía, xa que non sabía ler: pura intelixencia natural. De alegría contaxiosa, sempre foi moi cantarín. Tiña unha canción predilecta que dicía: «Concha que traes pantalón y, cómo no, azul de obrero, se puede servir a Dios de casado y de soltero». A letra resultaba incomprensible, ata que un día alguén averiguou a verdade. Era a seguinte: «Con chaqueta y pantalón y con mono azul de obrero...», etcétera.