Infartados


Hoxe arrinco cun consello sanitario. Non son médica, nin enfermeira, e incluso me mareo se vexo un corte do que sae sangue... pero aínda así voulle dar un consello. Se vai ter un infarto, mellor múdese antes a Vigo ou á Coruña ou a Santiago. Incluso se prefire estar lonxe do Eixo Atlántico, entón escolla Lugo e marche. ¡Fuxa antes de que o corazón lle diga que non pode máis! Porque a día de hoxe se lle dá un infarto fora do horario de funcionario polo que todos suspiramos de cando en vez, está vostede bastante vendido. De oito a tres funciona a unidade de hemodinámica, esa fundamental en caso de infarto agudo de miocardio. Que eu non entenderei moito de medicina (o dito, máis ben nada), pero sei que iso é cousa seria. Así que lle tocará traslado a Vigo, o máis probable. Se é de día, igual ten sorte (e non fai un día deses de inverno nos que vivimos instalados este ano, aínda que hoxe parece que vai saír o sol) e pódeno levar en helicóptero. Un traslado algo longo para os que queiran ir visitalo ao hospital, pero máis alá cos quilómetros, todo sexa por ver a un infartado que se recupera. Pero, ¿e se infarta vostede de noite e vive, poñamos por caso, en Vilariño de Conso? Pois entón xa toca coller a ambulancia ata Ourense e despois seguir cara Vigo, porque a unidade de hemodinámica pecha ás tres. E di o Sergas que pronto pechará ás dez. Pero o dito, vostede infartou de noite, noite pecha, poñamos aí sobre as tres da mañá. ¿E entón que? Pois entón o que nos di a lectura así entre liñas é que para ter un infarto mellor vivir no centro de Vigo, que ten vostede bastantes máis posibilidades de sobrevivir. Porque claro, estamos no ano do rural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Infartados