«Non son un criminal; o que fixen foi escoitar aos veciños»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

VILARIÑO DE CONSO

m. villar< / span>

Fiscal e acusación particular pídenlle 14 anos de inhabilitación e 5 de cárcere; o alcalde de Vilariño de Conso, Ventura Sierra, di que está «tranquilísimo»

08 oct 2016 . Actualizado a las 14:28 h.

O alcalde de Vilariño de Conso, Ventura Sierra -militante do Partido Popular ata o mércores, cando pediu a baixa- sentarase no banco dos acusados. O fiscal e a acusación particular -exercida por dous concelleiros da oposición e un terceiro que non saíu elixido o ano pasado- pídenlle 14 anos de inhabilitación e cinco de cárcere por ter cometido, presuntamente, os delitos de prevaricación e falsidade documental. Sierra aseguraba onte que pedira a baixa no Partido Popular «xa fai uns días, para non prexudicar ao partido». Di que foi idea súa, que ningún llo pediu.

-¿Pensou en dimitir?

-Non, ¿por que? Eu non teño por que dimitir, non teño motivos, eu non fixen nada malo. A min votáronme os veciños e non o Partido Popular.

-¿Confía en saír absolto?

-Eu espero que si. Eu non fixen nada ilegal; non vexo por que, se estaba mirando polo ben da xente. Eu sempre mirei por darlle de comer a quen máis o necesitaba e o pedía. E dese xeito entrou [a traballar no Concello] xente de todos os signos, eu nunca lle preguntei a militancia a ninguén, a pesar de que sabía que ían nas listas doutros partidos.

-Agora cambiou a forma de contratar en Vilariño, ¿non?

-Agora si que cambiamos iso, evidentemente. Antes non, e faciámolo por manter á xente do Concello.

-¿Pero non lle dicían que iso non se podía facer así?

-A secretaría advertía, si; pero iso era habitual nos Concellos. Tamén aquí cando gobernou o bipartito do PSOE e do BNG, tamén fixeron contratacións do mesmo xeito. Para eles estaba ben, e para min, vese que non... Eu non sei, pero penso que non é un delito. Eu non son un criminal, nin un ladrón, nin un violador... Eu o único que fixen foi escoitar aos veciños.

-Recoñece que metía xente a dedo para que non entrara xente de fóra...

-Non, non era a dedo. O que non se facía era publicidade, para que non viñera xente de fóra.

-¿E como se enteraban os veciños se non se publicitaban os postos?

-No pobo todo o mundo se enteraba. E a demanda de emprego facíase ao Inem, que era o que notificaba.

-¿Pensa en chegar a acordo coa fiscalía e evitar xuízo?

-Non, non. De momento non.

-¿Pídenlle cárcere, non lle impón esa posibilidade?

-Non. Pódense pedir moitas cousas, tamén eu pido que me toque a Lotería, e nunca me tocou. Eu creo que non hai delito, hai unha falta de procedemento, pero non penso que sexa motivo para ir ao cárcere.

-¿Como leva o día, recibiu moitas chamadas de apoio?

-Si, varias. Estou tranquilísimo, penso que non fixen nada malo.

-¿Como é a relación coa oposición, que foi quen levou o tema á fiscalía?

-En ningún sitio son boas as relacións coa oposición, non sei por que en Vilariño ía ser distinto.

-Pero non en todos os sitios acaban nos tribunais.

-Iso depende de que a xente traballe con sentido común, porque aquí, hai algún que estivo polo mesmo sistema traballando el no concello. El, o pai, a cuñada... toda a familia, vamos, e non dixo nunca nada. E agora isto.

-E o resto de concelleiros do seu goberno, ¿seguen no PP?

-¡Claro! Non teñen por que pedir a baixa, porque con eles non é nada.