O Museo da Limia volve pedir que se dediquen as Letras Galegas do 2027 a Antón Tovar e convoca o terceiro certame literario co seu nome

La Voz OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Delfín Caseiro, Antón Jardón e Alba Barreira, na presentación.
Delfín Caseiro, Antón Jardón e Alba Barreira, na presentación.

O prazo de presentación de traballos remata o 20 de maio

18 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Padroado do Museo da Limia acordou convocar o terceiro certame literario Antón Tovar e aproveitar a cita para reiterar á Real Academia Galega a petición de que o poeta limiao sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2027. A decisión foi adoptada pola xunta directiva da entidade cultural, que acordou instar aos concellos da comarca, asociacións culturais e a Deputación a sumarse ao acordo e tamén render homenaxe a Xesús Alonso Motnero, principal valedor da figura de Tovar.

Antón Tovar Bobillo, natural de A Pereira en Rairiz de Veiga, onde veu ao mundo no 1921, finou en Ourense no ano 2004. É considerado unha das voces líricas máis relevantes da literatura galega da segunda metade do século XX. Autor de sete poemarios, desde Arredores (1962) até Cadáver adiado (2001), a súa obra céntrase na reflexión existencial sobre a condición humana. A súa produción inclúe tamén os libros de memorias Diario sin datas (1987) e Diario dun vello revoltado (2001), así como o volume de relatos A grande ilusión e outros contos (1990).

A convocatoria do certame conta co patrocinio de Bienestar Hoteles y Resorts SL. Está aberto á participación de todas as persoas interesadas, cun máximo de tres obras por autor. Os textos deberán ser orixinais e inéditos, escritos en galego, en prosa —cun límite de 200 palabras—, ou en verso (con non máis de 30), e deberán abordar aspectos da realidade limiá. O día 20 de maio prazo para presentar os exemplares, que hai que facer chegar, baixo lema, ao Museo da Limia, en Vilar de Santos.