Antonio Míguez, novo alcalde de Vilar de Santos: «Somos un Concello pequeno pero parecemos grandes»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Antonio Míguez Nogueiras, nuevo alcalde de Vilar de Santos.
Antonio Míguez Nogueiras, nuevo alcalde de Vilar de Santos. Santi M. Amil

Asume a alcaldía de Vilar de Santos logo da renuncia de Xan Xardón

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Míguez Nogueiras (Vilar de Santos, 64 anos) é desde onte sábado alcalde do seu concello natal. Releva a Xan Xardón, o rexedor desde o 2005. Míguez leva na política local desde 1999, pois xa fora tenente alcalde con Antón Jardón.

Incombustíbeis aos cambios de siglas (BNG, Compromiso por Galicia e agora independentes con En Marea), este grupo de goberno leva tres eleccións municipais seguidas sacando os sete concelleiros da corporación. «Pasamos por varias formacións políticas e mantemos o grupo unido, somos nacionalistas galeguistas progresistas», manifesta o rexedor, que menciona a pegada que deixou desde os primeiros tempos a figura do cura de Parada, Miguel Grande, para impregnar dese galeguismo a Vilar de Santos. Este pequeno concello limiao (791 habitantes, padrón 2021) marcou pautas na política local creando un polígono industrial e servizos municipais, como a gardería infantil, a piscina ou a recollida de lixo. «Somos un Concello pequeno pero parecemos grandes. Chegamos antes que Allariz», defende Míguez.

O novo alcalde asume o cargo cando está a piques de se xubilar do seu traballo como encargado da conservación da A-52. Vive a 200 metros do Concello e cre que agora terá tempo para que os veciños o vexan a cotío. Míguez comeza cunha liña continuísta. «Aquí somos un grupo de xente que traballa na mesma liña. Sen gobernos amigos, pero traballando moito, somos unha das listas máis votadas de Galicia en porcentaxe. Nas municipais vótannos, pero tamén esixen e reclaman cando algo non funciona», reflexiona.

O alcalde saínte, Xan Xardón, tomou a palabra para despedirse e agradecer a presenza de veciños no salón de plenos: «Non hai mellor cousa que ver isto cheo. Grazas a todo, aquí sigo e todo o apoio e colaboración para o novo alcalde». Míguez espera aprobar o presuposto. Pavimentacións, reforzo das traídas de auga ou alumeado led son os traballos inminentes. «O ser alcalde non é difícil cando colles un Concello saneado», afirma.