Xan Jardón: «O segredo é traballar con humildade e xestión»

sindo martínez XINZO / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Santi M. Amil

O alcalde afronta o seu terceiro mandato sen oposición en Vilar de Santos, elixido con distintas siglas

01 jun 2019 . Actualizado a las 10:21 h.

O caso de Xan Jardón Pedras é insólito na provincia de Ourense. Leva tres mandatos liderando unha corporación monocolor, antano vinculada ao BNG, logo a Compromiso por Galicia (sendo a máis apoiada de Galicia) e agora a unha formación independente, Xuntos por Vilar de Santos.

O rexedor conseguiu de novo a totalidade dos sete edís en xogo no concello. Un dato curioso é que pese a que practicamente todo o pobo deste pequeno concello limiao sabía cal ía a ser o gañador dos comicios, a participación volveu a ser moi alta, case un 80 % dos votantes.

Cal é o segredo destas maiorías aplastantes? «Non hai outro que traballar con moita humildade, con unha moi boa xestión e con responsabilidade. Temos un conxunto de xente moi competente e capaz. Temos claro que gobernamos para os nosos veciños e iso é clave», comenta.

«Gobernar para todos é fundamental. Houbo unas 60 persoas que non nos votaron, na campaña houbo cousas que non me gustaron, con actuacións non correctas, pero non podo dicir que boto de menos ter oposición no concello. Iso é porque temos un alto nivel de autocrítica na nosa xestión e mantemos reunións periódicas con empresarios ou veciños en xeral, somos permeables as súas suxestións ou críticas. A participación cidadá para nós é esencial», remarca.

Jardón asegura: «Fixemos e seguiremos facendo un esforzo de transparencia enorme. Ese é un aspecto esencial. O outro é consolidar e reforzar os servizos sociais, sobre todo para os maiores». Durante o mandato que está a punto de comezar os retos son: «Mellorar o centro de día e a residencia comunitaria ou ampliar a área de rehabilitación urbanística integral non solo a capitalidade municipal, senón tamén aos pobos».

O rexedor destaca que outro dos retos de cara ao próximo cuatrienio será impulsar un programa transversal para a mocidade: «Dende os puntos de vista do emprego, da vivenda ou dos servizos sociais». Outras das bases será apoiar aos emprendedores agrícolas. «Estamos na comarca agrícola máis importante de Galicia e hai un nivel moi importante de incorporación de xente moza ao sector primario». sinala.

A ampliación de dependencias no Museo da Limia ou o mantemento de servizos no parque empresarial «que ten un coste de solo 20 euros por metro cadrado» son outras das liñas básicas de Jardón de cara a este novo mandato. Jardón anunciou que en breve prazo dúas novas empresas radicaranse nun polígono que, segundo apunta, «está adecuadamente dimensionado e cun servizos axeitados».