O historiador Rodríguez Colmenero recibirá o premio Pedra Alta do Museo da Limia

La Voz XINZO / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

SINDO MARTINEZ

A entrega será o sábado 24

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo da Limia elixiu este ano como gañador do seu premio Pedra Alta ao catedrático Antonio Rodríguez Colmenero. O recoñecemento en pedra, consistente nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, foi creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres son membros do Consello Asesor do Museo da Limia e colaboran co Padroado do museo nesta iniciativa.

O obxecto deste premio é recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades que poña en valor o coñecemento do pasado e a creación intelectual e os elementos identitarios da Limia. Este ano foille outorgado ao profesor de Lucenza co «fin de recoñecer a longa traxectoria intelectual e investigadora do coñecemento». O galardoado é un dos máis prestixiosos investigadores do patrimonio cultural e etnográfico da comarca limiá, e tamén gran divulgador da historia doutros puntos de Galicia como é a cidade de Lugo, onde exerce como docente na Facultade de Humanidades.

O acto de entrega está previsto para o sábado 24 no propio Museo da Limia.