O PIB galego cotiza en Madrid

Xosé Manuel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

miguel villar

A webserie ourensá levou o premio do público no Prado Real Web Festival

21 jun 2016 . Actualizado a las 17:20 h.

Hai anos que Mighele de Currás, Héctor Casas e Alfonso Míguez decidiron mergullarse nun proxecto con carácter. Unha iniciativa centrada na aposta polo rural e polo universo singular que se agocha na provincia de Ourense. Daquela inquedanza naceu P. I. B. (Produto Interior Bruto), unha webserie promovida dende o colectivo Os Ghairas que conta con Mighele de Currás como director e como protagonistas a Richi (Héctor Casas) e Maxi (Alfonso Míguez). Na primeira tempada, comezaron na primavera do 2013, gravaron cinco capítulos -As mozas, Benvidos ao mundo laboral, Viaxar é un pracer, «Salú» e pesetas, o demais son puñetas e Isto é o acabouse- e con posterioridade algúns vídeos e curtas coa mesma temática.

P. I. B. é unha webserie de humor que se centra nas andanzas, troulas, inquedanzas e experiencias de Richi e Maxi. Unha realidade pola que camiñan os «puticlús», o cacique, as festas, os negocios fáciles, a pouca disposición dos protagonistas ao traballo, os variados medios de transporte -motos, un coche vello, o chimpín ou o carro da burra- e moitas outras situacións. Todo iso no «País non urbano» da serie, unha paisaxe na que son exemplos recorrentes, como noutras zonas de Galicia, o feísmo arquitectónico, ás bañeiras nas leiras para que beba o gando ou os somieres metálicos que serven para pechar os terreos.

A proposta ourensá ten acadado diferentes nominacións nos últimos anos en certames de toda Galicia, entre outros os dous últimos Mestre Mateo, e a pasada semana acadou o premio do público no Prado Real Web Fest. Mighele de Currás e Alfonso Míguez recolleron o galardón que os acredita como a mellor webserie para os espectadores do certame madrileño, que decidiron recoñecer co seu voto un proxecto en galego entre os 130 traballos a concurso chegados de diferentes países.

Para Alfonso Míguez esta circunstancia dálle un novo escenario á futura distribución de P. I. B.: «Nun festival tan importante estivemos nominados á mellor webserie e ao mellor guión. É dicir, cunha serie en galego subtitulada en español conseguimos estar entre as seis mellores webs e entre os catro mellores guións. Agora imos dar un novo paso: subtitular P. I. B. en inglés para acceder a novos festivais e mercados porque vemos que ten aceptación e demanda». Maxi, ou Alfonso Míguez que para o caso tanto ten, cre que a webserie ourensá conecta ben con públicos distintos ao galego porque os temas son universais: «A realidade, as vivencias, os costumes e moitos dos sinais de identidade son comúns e por iso o noso Producto Interior Bruto é exportábel porque parte dunha problemática e unha cotidianeidade que é a mesma, independentemente do idioma e o país». O actor ourensán, que forma parte de Trécola e entre outros traballos participou nas dúas últimas rodaxes de Simone Saibene -un avance de Pelerinaxes poderase ver o domingo na entrega do Premio Trasalba-, incide no feito de que «o universo P.I.B. é un mundo moi peculiar, como o de Kusturica ou Borat, e confirma que o proxecto é exportábel». A rodaxe das entregas da webserie desenvolvéronse en Vilar de Santos por afinidade: «Os tres somos de alí e a implicación dos veciños e da xente que participa nas gravacións é total. E coinciden connosco en que os guións refrexan a realidade do mundo rural». E cos seus sinais de identidade, xa que ao non estar de acordo coas condicións do crowdfunding conseguido no seu día rexeitárono para pór en marcha un sistema novo: o barfunding. «Como o seu propio nome indica o que fixemos foi contar co apoio dos bares aos que imos e algúns comercios», segundo precisa Míguez.

 Co material gravado, máis de 90 minutos, poderían ter optado por unha longametraxe. O apartado económico non axuda e optar por unha webserie fai que teña una distribución gratuita «e que chegue a todo o mundo».