«O museo converteuse en algo clave para Vilar de Santos»

VILAR DE SANTOS

MIGUEL VILLAR

A exposición que recolle o pasado etnográfico da Limia cumpre dúas décadas con máis de 23.000 visitantes

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo etnográfico da Limia cumpriu este mes vinte anos dende a súa apertura tralo proxecto de remodelación realizado na antiga casa reitoral de Vilar de Santos. Durante esta traxectoria este pequeno concello limiá acolleu a máis de 23.500 persoas que se achegaron dende toda Galicia para visitar unha exposición que engloba o pasado dunha comarca agrícola, vencellada a historia da desecada Lagoa de Antela e o entorno rural tradicional do agro galego. O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón Pedras, recoñece que a mostra foi unha das claves da dinamización cultural da vila neste tempo e aposta pola súa continuidade e potenciación cara o futuro nun concello que apenas chega aos mil veciños. Unha senlleira edificación do século XVIII foi remodelada integramente durante os anos 1995 e 1996 por iniciativa, entre outros, do anterior alcalde, o nacionalista Xan Antón Jardón Dacal. O museo abre os sábados e domingos, de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas e a entrada custa 2 euros.

?¿Como valora estes vinte años?

?Dun xeito moi positivo. O museo converteuse en algo clave para Vilar de Santos. É un elemento dinamizador  fundamental no eido cultural e un factor esencial para a recuperación da memoria histórica da comarca.

?¿Cantos visitantes acolle cada ano a mostra?

?Estamos a punto de pechar os datos do primeiro trimestre deste ano e comprobamos que o número de visitantes increméntase de novo. Durante este tempo que leva aberto o museo foron preto de 23.500 as persoas que visitaron estas dependencias. Iso é importante nun concello pequeno como o noso.

?¿Como foi a xénese deste proxecto?

?Houbo unha primeira mostra etnográfica sobre A Limia en Vilar de Santos no ano 1991 na vella escola, promovida pola asociación cultural O Bión, de Xinzo. O proxecto e a execución na antiga casa reitoral de Vilar de Santos, a sede actual, foi elaborado  por Henrique Rodríguez Peña no ano 1996.

?¿Cantas pezas ten o museo da Limia?

?Máis de seiscentas. A maioría están expostas pero outras non. O mantemento  e conservación desas pezas é un proceso laborioso.

?¿Quen o rexe?

? Hai unha fundación dende fai moitos anos que é a responsable desa conservación e da dirección do museo.  Hai tempo que firmamos un acordo coa Deputación provincial para o funcionamento da mostra que está aberta ao público sábados e domingos para todo o que queira vir e tamén acolle a visita para grupos organizados todos os días. 

?¿Como conmemoran este aniversario da mostra?

?Non haberá unha celebración nunha data concreta. Dende hai semanas estamos promovendo iniciativas como a presentación do último número da revista cultural Lethes. E xa tivemos tamén outros actos, como a conmemoración  do día 18 de maio coincidindo coa celebración do xornada internacional dos museos.