Ourense acolleu unha das etapas do proxecto Galicia Camiño Emprendedor

La Voz

VILAR DE BARRIO

cedida

Os participantes percorreron a Vía da Prata por terras de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Ourense

24 oct 2022 . Actualizado a las 18:00 h.

A provincia de Ourense acolleu unha das etapas do proxecto Galicia Camiño Emprendedor, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Fundación Ronsel na que emprendedores galegos están a percorrer tramos dos camiños a Compostela co obxectivo de impulsar o talento e o emprego. Desta volta percorreuse, na décima etapa da iniciativa, o tramo da Vía da Prata-Camiño Mozárabe entre Vilar de Barrio e Ourense, pasando por Xunqueira de Ambía

O delegado da Xunta na provincia de Ourense, Gabriel Alén, lembrou en Xunqueira de Ambía que «os obxectivos son os de promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de lecer e actividade económica, percorrendo algunha etapa de todos os roteiros oficiais do Camiño de Santiago e pasando polas catro provincias galegas, apoiar aos e as profesionais autónomos e empresarios e empresarias, acompañándolles na consolidación e mellora dos seus negocios e promover a sustentabilidade nas empresas de economía social, autónomos e empresarios, vinculando os seus negocios aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible».

A iniciativa que este venres pasou pola provincia está a ofrecerlle aos participantes a oportunidade de mellorar os seus proxectos, ao tempo que contan con mentores profesionais para axudalos e tamén poden xerar contactos que lle serán de utilidade para as súas propostas. En cada xornada desenvólvese un enunciado e o da ourensá foi «O emprendemento como modelo de integración e xerador de igualdade de oportunidade». A próxima etapa será en novembro, entre os días 10 e 11, e percorrerá o Camiño Portugués, entre A Guarda e Baiona.