Vilar de Barrio ou a rareza da festa da pataca máis lonxeva

M. RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

VILAR DE BARRIO

Sara Dapia

O concello limiao non destaca pola súa produción pero leva corenta anos de festa sobre este cultivo

14 oct 2019 . Actualizado a las 10:38 h.

Vilar de Barrio non é o concello limiao con máis produción de patacas. De territorio máis ben montañoso, só dous pobos que miran á chaira da Limia teñen parcelas de consideración deste cultivo. Tampouco o era alá polo 1977 cando tres amigos, tomando algo nun bar, decidiron empezar cunha festa da pataca. A intención, entón, e hoxe tamén, era render homenaxe aos labregos e darlle algo de vida ao pobo. Lembra Toño Cid, membro da organización actual, que os precursores foron polas casas pedindo patacas e empezaron a organizar o concurso co diñeiro reunido.

E, como quen non quere a cousa, a Festa da Pataca consolidouse ata celebrar onte o seu cuadraxésimo aniversario. Dos fundadores só queda Claudio Blas Rodríguez, de 86 anos, que onte estivo presente para descubrir a placa que recorda aos precursores. Os outros dous que tiveran a idea xa faleceron. Pero aínda queda xente que participou naquela primeira edición. Antonio Cid Lozano e Francisco Seguín continúan hoxe dando ánimos á asociación cultural Festa da Pataca para que o festexo non esmoreza.

Desde hai catro anos, é esta asociación quen se fai cargo da organización. Houbo un paréntese de dous anos nos que non se celebrou porque o Concello, que asumira a festa durante un bo número de anos, deixou de facela. A asociación colleuna desde entón pero, como comenta Cid, xa están chegando a un volume de actividades que se lles vai algo das mans e do custo para o que é un colectivo de 150 socios. Por iso queren falar co Concello de cara aos apoios para o ano que vén.

Despois de corenta anos, algúns dos elementos tradicionais daquela primixenia Festa da Pataca seguen en pé. Como o concurso da pataca máis grande e a máis rara. Foi un ano estraño. Esta sendo unha temporada de patacas de grande tamaño na colleita da Limia e, porén, a que onte gañou o concurso de Vilar de Barrio, recollida en Folgoso (Sarreaus), non conseguiu bater o récord da festa: pesaba «só» 2.220 gramos e a gañadora de tódolos tempos chegou aos 2.670. E no apartado das patacas raras, houbo moito onde escoller. Habíaas ben estrañas nesta edición, comentou Cid. Decidíronse os tres premios de rareza por votación entre os socios. Tamén había concurso de cestas de produtos do outono ou de produtos individuais. Ademais de patacas grandes, o outono ourensán vén este ano cargado de boletus, di o organizador.

Corenta anos despois, en Xinzo e noutros concellos terán máis tubérculos ou feiras, pero a Festa da Pataca da Limia ten o epicentro en Vilar de Barrio.