Parcelarias para silveiras

Xosé M. Rodríguez

VILAR DE BARRIO

04 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste país distópico e desequilibrado que temos non hai quen lle poña remedio á tradición de seguir picando pedra onde non hai nada que buscar. Por veces, mellor nos iría se só fose por veces, a realidade é tan teimuda que reparar nela doe.

O Diario Oficial de Galicia publica a toma de posesión dos terreos da zona de concentración parcelaria de San Pedro de Maus, por terras de Vilar de Barrio. Unha gran nova: das 4.766 parcelas nas que se dividían as 273 hectáreas de terra concentrada pásase ás 939. Hai unhas semanas era o pobo de Quins, en Melón, onde Medio Rural anunciaba a toma de posesión dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria.

Nunha provincia que vive nun sistema horario diferente, ese e non outra é o motivo polo cal todo aquí chega tarde, imos conseguindo xuntar as terras para ter parcelas cunha superficie axeitada para que teñan rendabilidade e dean resposta ás necesidades da agricultura e a gandería. Só nos falta unha das pezas importantes para encaixar o quebracabezas: e para quen?

Silencio, silveiras e pedras amoreadas é o que queda onde antes había pobos vizosos. E o reto demográfico non se arranxa con declaracións de intencións nin con persoas que chegan aos concellos para vivir da política porque non foron que de facelo polos seus propios medios.

Imos tendo unha provincia que normaliza o que debeu ser unha realidade hai décadas, daquela a xente non fuxiría, e leiras con marcos que «chían» se os moves. Demasiado diñeiro nunha terra que queda a monte.