Sesenta anos da fin da Lagoa de Antela

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

VILAR DE BARRIO

Un mapa amosa o espazo actual que ocupaba a superficie da masa de agua, que se ordeou desecar en 1956

11 dic 2016 . Actualizado a las 15:43 h.

Hai sesenta anos, o Goberno franquista aprobaba a «Ley de 27 de diciembre de 1956 sobre saneamiento y colonización de la laguna de Antela, sita en la provincia de Orense». Era o derradeiro intento, desta volta culminado, de desecar a lagoa limiá, unha das máis importantes da Península Ibérica, cun perímetro de 35 quilómetros e unha superficie de 42 quilómetros cadrados. Un mapa, calculado con técnicas actuais polo axente forestal Rafael Cudeiro, reflicte a superficie que ocupaba o espazo desaugado nun proceso que modificou totalmente a paisaxe limiá. Neste mapa vese que o que antes era un importante humidal, no que vivían 265 especies diferentes de fauna, converteuse nunha zona agrícola de produción intensiva.

Houbera precedentes do desecamento, mesmo desde os romanos -que abriran un canal en Vilar de Barrio- ata o século XIX. Foi o réxime franquista, porén, quen decidiu que o Estado se encargase das obras, que comezaron en 1958 cun plan de execución en tres fases.

Empezouse por abrir un canal con dous ramais na cabeceira da lagoa para drenar a zona inundada, segundo recolle o Boletín número 57 da Asociación de Xeógrafos Españois. O canal estaba conectado no seu remate co río Antela, que tamén foi canalizado pois era moi estreito, pero sen modificar a súa lonxitude, aínda que se adoptaron medidas para acelerar o desaugue. Nesta fase realizáronse infraestruturas de saneamento das terras e novas pontes sobre os canais de drenaxe e o do río.

Nunha segunda fase estaba prevista a dotación dun sistema de regadío cunha presa de 78 metros de altura no río Arnoia, en Riobó, do que sairía un acueduto que chegaba á Limia cunha bifurcación en dous canais dos que derivaba unha rede de canles que debían levar auga a 9.000 hectáreas de regadío, segundo describe o estudo da Asociación de Xeógrafos Españois, que conclúe que a desecamento da Lagoa de Antela pódese considerar un dos «grandes fiascos en la historia de las obras hidráulicas españolas».

A lei de 27 de decembro de 1956 recollía que a obra era necesaria nun momento no que o país quería elevar a produción e o nivel de vida no campo en comarcas como A Limia, moi parceladas e con excesiva poboación rural. Segundo o estudo firmado por Manuel Fernández Soto, Aladino Fernández García, Gaspar Fernández Cuesta e José Ramón Fernández Prieto en 2011, aínda que o obxectivo era que as terras desecadas pasasen a ser de cultivo, non se tivo en conta que nesta comarca hai limitacións climáticas e de solo, aparte de que houbo erros nas obras que empeoraron o problema de déficit hídrico que tiñan os terreos gañados á lagoa.

Antes do desecamento, A Limia era «unha comarca chea de matices, de contrastes paisaxísticos, que nacera do aproveitamento racional da terra polos seus habitantes», escribiu A. Pérez Alberti en Antela, a memoria asolagada, onde reflicte sobre os problemas que causou a transformación da paisaxe co desecamento primeiro e a posterior concentración parcelaria, ao primar os monocultivos como o da pataca, que segue a predominar na Limia. Este autor cualifica as modificacións feitas -que ocasionaron a desaparición de moita flora e fauna autóctona- como «irreversibles». A Sociedade Galega de Historia Natural, na súa sección Antela, vén reivindicando que se cumpran os acordos da convención de Ramsar de 1971 de protección dos humidais. En Galicia, estas zonas seguen a sufrir degradacións, denuncia a SGHN, como alteracións do réxime hidrolóxico e da calidade da auga por vertidos, ademais da sobre explotación de recursos.

No caso da Limia, o problema dos excesos de nutrientes de orixe gandeira manifestouse de forma evidente na contaminación por cianobacterias no encoro das Conchas, e noutros problemas medio ambientais. Para frealos, púxose en marcha o plan Life Rexenera Limia, un proxecto dotado con dous millóns de euros canalizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil que prevé 26 accións, nas que a auga xoga un papel importante. Entre elas, un sistema de lagoaxe artificial para depurar xurros de porcino, un sistema lacunar de charcas nas antigas areeiras do Canal de Antela, en Sandiás, e a recuperación de ecosistemas locais e dos leitos fluviais modificados en espazos incluídos na Rede Natura 2000 como a Veigas de Ponteliñares, en Rairiz de Veiga, cun proxecto piloto para cinco hectáreas.

Entrevista, Rafael Cudeiro, autor do mapa sobre a Lagoa de Antela 

«Hai máis cantidade de información histórica que xeográfica»

Rafa Cudeiro é axente forestal e afeccionado á historia e á cartografía. Repasando a historia da Lagoa de Antela, decatouse de faltaba un mapa exacto da superficie que ocupaba a masa de auga desecada nos anos cincuenta do século pasado. E propúxose facer un.

-Como xurdiu a idea de elaborar este mapa?

- No contexto da miña afección pola historia en xeral, e en particular pola historia de Galicia, dentro da fase de documentación sobre do tema da lagoa de Antela xurde un mapa antigo no que intento mergullarme para pescudar o que sería a lagoa na actualidade.

-Como o elaborou?

-Sobre o citado mapa, mediante un SIG (Sistema de Información Georreferencia) houbo que trasladar o perímetro da lagoa a un mapa actual. O proceso levouse a cabo recollendo minuciosamente as coordenadas xeográficas de varios puntos para lograr xeorreferencialo. Trátase de un proceso laborioso debido a falta de resolución da fotografía do mapa de referencia; unha vez dotado de situación espacial, créase unha capa co perímetro da lagoa, trasladándose neste caso a unha ortofoto.

-Hai suficiente documentación sobre a historia deste espazo?

-Hai máis cantidade de información histórica que xeográfica.

-O mapa amosa o terreo que se gañou para agricultura. ¿Compensou isto a perda do hábitat?

-A meirande parte da superficie que era ocupada pola lagoa está na actualidade dedicada á agricultura. Eu só podo opinar desde a miña perspectiva como profesional medioambiental; habería que cotexar as opinións de diversos colectivos para ter unha visión máis ampla do tema.