Os actos con motivo do Día das Letras Galegas centran a programación festiva e de ocio esta fin de semana en Ourense
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe é o Día das Letras, mais a festa da lingua comezou algúns días atrás e manterase aínda ao longo da próxima semana. Son actividades promovidas para poñer en valor o galego e a cultura propia e tamén para homenaxear a todos aqueles que axudaron a mantelo vivo ata hoxe.
Así se viviu na aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, que busca ser o contrapeso no oriente ourensán da romaría Raigame, que sen dúbida hoxe levará ata Vilanova dos Infantes (Celanova) a milleiros de persoas.
Ata Córgomo foron menos, pero a cita arredor das Letras non para de medrar e vai sumando afluencia. Os artesáns compartiron espazo cos cativos, que aprenderon a xogar á pita cega ou aos bolos, mentres os adultos visitaban a exposición sobre Begoña Caamaño ou participaban no obradoiro de baile. Non faltou a música nin a comida.
En Parada de Sil
Ser un investigador de referencia internacional e presumir de amor á terra foron os motivos polos que o Concello de Parada de Sil decidiu homenaxear este ano a Francisco Javier Carballo. Así o explicou o alcalde, Aquilino Domínguez, no acto das Letras, que sempre inclúe a posta en valor dun veciño que teña destacado nalgunha faceta da vida. A de Carballo está ligada á docencia e a investigación.
Leer más: Un fin de semana entre Letras
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou a importancia de difundir coñecemento nun momento no que se está a intentar quebrar a confianza na ciencia por moitas bandas. O deputado Juan Casares, encargado da laudatio do protagonista, destacou a súa ética e o seu alto nivel científico e humano. Carballo, emocionado, aseguro que era un dos actos de premio máis importantes da súa vida porque llle viña nado polo amor á súa terra.