A galería que abre cada Nadal nunha aldea de 220 veciños

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Manuel Conde, nunha das salas onde pode verse Córgomo Arte
Manuel Conde, nunha das salas onde pode verse Córgomo Arte ALEJANDRO CAMBA

Córgomo Arte reabre as súas portas en Valdeorras tras dous anos de parón impostos pola pandemia da covid

29 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Córgomo é terra de artistas. A estas alturas poucos serán os que non saiban que na pequena aldea de Vilamartín de Valdeorras naceu Florencio Delgado Gurriarán, o protagonista do Día das Letras deste 2022 que escapa coma se fora area esvarando entre os dedos. O acto do 17 de Maio e todos os demais que nestes doce meses houbo arredor do poeta puxeron ao núcleo rural no mapa. Non só no galego, senón tamén no estatal e incluso no internacional, habida conta de que a celebración na honra de Florencio tamén se viviu con ledicia en México, o país ao que o valdeorrés chegou cando tivo que coller o camiño do exilio polas súas ideas políticas.

E aínda que sen dúbida foi o despegue definitivo da aldea, o certo é que cada Nadal desde fai unha década é o epicentro da vida cultural de Valdeorras. Éo grazas a Córgomo Arte, a galería que cada decembro abre na casa de Carmen López. Desde a ponte da Constitución ata o día de Reis, a octoxenaria comparte vivenda con ducias de obras de arte. A exposición está impulsada por Conde —o fillo de Carmen— e Torino, dous artistas de Valdeorras.

Todo xurdiu pola necesidade. Alá polo 2007 varios artistas da comarca de Valdeorras crearon o colectivo @Sil coa idea de promover iniciativas culturais e difundir o seu traballo. Nesa liña empezaron a facer exposicións conxuntas. As primeiras foron durante o verán, para despois cambiar para o Nadal, intentando aproveitar a época de agasallos para dar saída aos seus traballos. Nesas estaban cando, no 2012, a dous días de inaugurar, recibiron unha chamada de teléfono. «Dicíannos que non podíamos montar alí porque pechaban o centro comarcal de Valdeorras no Barco (que era onde facían a exposición)», recorda Manuel Conde. El e Torino son os dous membros de @Sil que se puxeron á fronte do que se converteu en Córgomo Arte despois de que aquel colectivo inicial se fose diluíndo. «Cada un colleu o seu camiño e nós seguimos xuntos», resume Conde. O traslado á aldea foi ás présas, pero o certo é que saíu ben e volveuse facer ano tras ano ata que a pandemia mandou parar. As edicións do 2020 e do 2021 foron a través de internet. E este ano tampouco prometía moito, en boa parte porque a curadora das últimas edicións, Silvia Fiallega, non estaba dispoñible por un problema de saúde. «Decidimos facela nós», sinala Conde. De novo un pouco ás présas, para evitar que fosen xa tres anos sen a cita que converte unha aldea de 221 veciños (segundo o último dato oficial do Instituto Galego de Estatística) no epicentro da arte en Valdeorras.

Unha escolma de artistas

«Queríamos volver arrancar», sinala. Como foi un pouco idea de última hora, desta volta non hai unha temática común, senón que cada artista tivo liberdade de creación. Ademais, este ano quixeron apostar polos artistas de Valdeorras, nacidos na comarca ou vinculados con ela. Baixo o título de REconeXión pódese ver unha escolma da obra de Noé Blanco, Carmen Cabaneiro, Arturo Ceide e Beatriz Pérez (in memoriam), Pili Chaos, Juanjo de la Comba, Saúl Conde, Enrique Fernández Prada e Sabela Mato.

Quixeron volver por eles e tamén polo público. «Hai grupos que non se ven en todo o ano e xúntanse para vir aquí e despois tomar un viño», destaca Conde. E ser un motivo de unión pareceulles máis que suficiente para botar a andar pese ás dificultades. Di que a resposta está sendo, un ano máis, marabillosa, con moita xente gozando das esculturas, as pinturas e outras pezas artísticas que están expostas na casa do fondo da aldea. Os que vaian terán a oportunidade de falar con Carmen López. «Ela está encantada, gústalle moito ter xente por alí», di Conde. E a ela está dedicada REconeXión: «Representa a forza dunha xeración loitadora, especialmente damnificada pola covid e por outra enfermidade contemporánea aínda peor, a soidade».

A galería de Córgomo abre só nas fins de semana e festivos. Pode visitarse ata o día 8 de xaneiro desde as dez de mañá ás dez da noite.