Xustiza para Florencio Delgado Gurriarán

La Voz

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Santi M. Amil

O poeta de Córgomo protagonizou o Día das Letras Galegas do 2022

02 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense viña reclamando dende había anos un protagonismo que a Real Academia Galega lle negaba na celebración do Día das Letras Galegas. Florencio Delgado Gurriarán, Antón Tovar ou as irmáns Pura e Dora Vázquez eran opcións que se barallaban para que o 17 de Maio vólvese á provincia, cansos xa de agardar por unha opción ourensá. E a RAG resolvía no 2021 que o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) fose o protagonista da festa da cultura galega deste ano. Unha decisión, a de dedicar a Delgado Gurriarán (Córgomo, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987) o 17 de Maio, que poñía en valor a figura do avogado e poeta que tivo que exiliarse polo seu compromiso galeguista.

A plataforma creada para reivindicar o recoñecemento fixo causa común en Valdeorras e As Letras de Florencio remataron por facer realidade a homenaxe tantos anos agardada. A celebración que promove a RAG leva aparellada sempre unha realidade que, en casos como o que nos ocupa, axuda a espallar o traballo da persoa galardoada e, ao tempo, promover toda unha serie de iniciativas e proxectos ao redor da súa figura. Neste caso, as Letras de Florencio serviron para promover traballos de investigación para coñecer máis polo miúdo a súa faceta creativa —a maiores dos títulos de referencia xa coñecidos como Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963) ou O soño do guieiro (1983)—. O seu traballo de tradutor, a particularidade da linguaxe empregada como un símbolo identitario do galego de Valdeorras ou o seu activismo político foron aspectos recuperados e espallados. Córgomo, o espazo vital de Florencio, converteuse na capital das Letras Galegas e o autor foi protagonista de publicacións, obras de arte, documentais, premios literarios e outras propostas. A última, a preestrea do documental de Domingo Díaz sobre o autor.

Protagonismo para o exilio galego en México

Como xa acontecera anos antes con edicións nas que se dedicou a autores vencellados á emigración arxentina, a RAG salientaba —«xunto ao enxebrismo léxico e lingüístico do galego oriental», no que incidía o seu presidente Víctor Freixanes— o compromiso de homenaxear ao colectivo de galegos exiliados en México. No seu país de acollida Florencio Delgado Gurriarán participou en iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México, as emisións radiofónicas Hora de Galicia, a publicación periódica Saudade ou o proxecto da revista Vieiros, da que foi creador xunto a Carlos Velo e Luís Soto —e codirector da mesma nos dous primeiros números—.

O compositor Bal y Gay ou o arquitecto Caridad Mateo foron outros dos exiliados vencellados ao colectivo.