As Letras de Florencio muda en fundación para manter vivo o legado do poeta
VILAMARTÍN DE VALDEORRAS
Domingo Díaz ultima un documental sobre o autor de Córgomo
20 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O ano de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) a quen estivo dedicado o 17 de Maio, está a piques de rematar. Queda atrás un lustro de traballo que veu coller o iniciado fai dúas décadas por un grupo de veciños e asociacións. Conseguido o obxectivo, toca mirar cara adiante. E o que se ve é futuro. O proxecto muda e transformarase en fundación para seguir dando a coñecer a vida e a obra do autor.
Así o anunciou a directora do proxecto, Débora Álvarez, na preestrea do documental Florencio na terra, de Domingo D. Docampo, que tivo lugar o domingo no cine da Rúa. «A estrea é un punto e aparte na traxectoria das Letras de Florencio, a última vez que convocamos ao público de Valdeorras a un evento presencial adicado ao noso poeta de Córgomo. Pero non é o final do camiño, é o inicio dun novo, diferente, que comeza no 2023 e para que o proxecto agarda ter todo o apoio e entusiasmo dunha comarca que foi protagonista en boa parte da cultura galega no 2022», dixo Álvarez.
Sobre o documental, Docampo explicou que aínda están traballando na versión definitiva, que será estreada en colaboración coa embaixada de México. Haberá dúas proxeccións simultáneas, en Madrid e en Cidade de México. Álvarez explicou que o documental que Docampo firma con SocialDocs é un relato diferente, xa que é o primeiro documental sobre o poeta no que o equipo de produción viaxou ata México, onde puido falar con algúns dos que cruzaron o Atlántico no Ipanema xunto a Florencio cando marchaban cara o exilio desde París a Veracruz.