«Quero seguir escribindo para reivindicar a vida rural»

María Doallo Freire
maría doallo O BARCO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

La poeta Eilún del Pazo Moa recibió su premio en Córgomo
La poeta Eilún del Pazo Moa recibió su premio en Córgomo Cedida

Eilún del Pazo recolleu o Premio de Poesía Delgado Gurriarán en Córgomo

17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eilún del Pazo Moa é a gañadora da terceira edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, grazas aos versos que escribiu en Da memoria da mencía. Así o quixeron os memobros do xurado deste ano, Inma López Silva, Ledicia Costas, Rosa Enríquez, Xurxo Souto e Raúl Gómez Pato. A moza lucense recolleu este sábado o seu galardón nunha gala chea de arte organizada en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) polo equipo do proxecto As Letras de Gurriarán, que dirixe Débora Álvarez.

Eilún recibiu un recoñecemento por partida dobre, pois tamén quedou finalista do certame con outro texto. E todo ocorreu nun auditorio improvisado ao aire libre na Aira dos Bolos, no centro da aldea na que naceu Delgado Gurriarán. «Non podo estar máis agradecida con toda a organización. Estou moi feliz, especialmente por gañar cun poemario que fala da vida rural, dos avós, e, en definitiva, de todo o que teñen de marabilloso os pobos, eses que estamos deixando que queden no esquecemento», comentaba Eilún trala entrega do premio. O certame valdeorrés é o primeiro ao que se presenta esta poeta que compaxina os seus estudos de Veterinaria en Lugo coa súa paixón pola escritura. «Os dous son os meus grandes amores», afirmaba. E a súa experiencia non podería ter sido mellor. Tal e como conta, serviulle para coñecer a literatura de Delgado Gurriarán: «Fóra do que estudei no colexio, non coñecía a este autor e a verdade é que merece todo o recoñecemento. Lévome moito de Valdeorras, a verdade». A poeta pensa seguir presentándose a certames literarios mentres remata a carreira. ¿E despois? «Gustaríame dedicarme ás dúas cousas. Quero seguir escribindo para reivindicar a vida rural, a tradición e as mulleres», remata.

E máis literatura

As letras continúan presentes en Valdeorras o resto da fin de semana grazas á Feira do Libro do Barco. Só se o tempo o permite, xa que as fortes choivas obrigaron a pechar as instalacións este sábado pola tarde. Os libreiros agardan poder reabrir hoxe de 11.00 a 20.30 horas. Os asistentes poderán coñecer e mercar todas as novidades literarias do momento, pero tamén haberá un espazo para as obras de segunda man, entre as que se poden atopar grandes clásicos da literatura. Non faltarán as actividades culturais. Ás doce da mañá, a poeta monfortina Montserrat Yoldi Sanmartín estará firmando exemplares dos seus libros. Ao rematar, será a quenda para un recital poético. Andrea Fernández Maneiro, finalista da primeira edición do Premio Florencio Delgado Gurriarán, acompañada do músico Manuel Dopico, do grupo A Quenlla, lerá algúns dos seus textos do poemario Migratoria.