A Irmandade de Florencio impulsa a candidatura cunha campaña nas redes
18 may 2021 . Actualizado a las 11:39 h.Valdeorras mira cara o 17 de maio do 2022 e nesa data ve como protagonista do Día das Letras a Florencio Delgado Gurriarán. A Irmandade de Florencio -impulsada polos concellos da comarca, con apoio da Deputación e de entidades culturais- xa presentou ante a Real Academia Galega a documentación da candidatura do poeta de Córgomo, e agora busca impulsala con actividades que o fagan máis visible diante da sociedade.
En Vilamartín, o autor é desde o domingo o protagonista dun mural na zona do Bañadoiro. A idea xurdiu dunha necesidade, a de tapar as pintadas que os vándalos fixeron hai unhas semanas nas paredes dun edificio público, e aínda que nun primeiro momento Orde Caos -o alcume artístico de Pedro Álvarez- pensou en Castelao, finalmente acordou que era o momento de impulsar a figura de Florencio Delgado. No seu mural a espray (di que se a pintada é legal non se pode falar de graffiti) usou un fondo branco para debuxar en negro ao poeta. «Gústame a fotografía en branco e negro, porque dáme a sensación de que captura a nostalxia do momento», di. E esa é a idea que trasladou ao mural no Bañadoiro, e que asumiu como un reto, pois di que traballar en cor permite conseguir efectos máis vistoso.
O traballo artístico xa loce dispoñible para todo o que queira ir velo. Nese caso hai que desprazarse ata Vilamartín. Por contra, desde calquera parte do mundo poderá verse tamén o desenrolo da campaña nas redes pedindo o Día das Letras para Florencio. A idea é que a xente suba fotos ou vídeos explicando o porque do seu apoio, baixo os cancelos #2022anodeFlorencio e #2022anodeValdeorras.