Valdeorras quere un 17 de maio para pór en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Carlos Velo xunto a Gurriarán
Carlos Velo xunto a Gurriarán

Propoñen á RAG que dedique as Letras do 2022 ao valdeorrés

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concellos da comarca de Valdeorras e o Instituto de Estudos Valdeorreses decidiron unir forzas no 2016 co fin de revitalizar a presenza da obra e figura do escritor Florencio Delgado Gurriarán, natural de Córgomo (Vilamartín). Froito desa decisión xurdiu o proxecto As Letras de Florencio, para aglutinar todas as actividades e iniciativas postas en marcha. «Unha das metas máis importantes era presentar a candidatura do noso autor como homenaxeado nas Letras Galegas», explica Débora Álvarez, directora do proxecto. Algo que acaban de facer enviando un dosier de postulación a Real Academia Galega. Nel detállase a importancia da literatura, da vida política e do traballo intelectual do escritor de Vilamartín de Valdeorras na historia de Galicia. «Sabemos que entramos no debate deste ano para a decisión final, que se saberá de cara a xuño, así que volvemos a estar na loita e oxalá o consigamos», continúa. Xa no 2002, a Asociación de Veciños de Córgomo puxo en marcha unha candidatura para intentar acadar que Delgado Gurriarán fose homenaxeado na edición das Letras Galegas do 2003, coincidindo co centenario do seu nacemento, pero non foi posible.

Nos últimos catro anos o equipo de As Letras de Florencio leva postas en marcha un bo número de iniciativas para dar valor e recoñecemento ao escritor. Dende a creación do Premio de Poesía Delgado Gurriarán, que comezou a convocarse no 2018 e que conta co apoio económico da Deputación de Ourente, ata distintas actividades relacionadas coa música, a literatura ou a arte. «Non faltan tampouco as actividades educativas levadas a cabo nos colexios da comarca. O que pretendemos é que dende os máis cativos ata os maiores coñezan a figura de Gurriarán, a súa historia e o seu labor dentro da política e literatura galegas», explica Débora Álvarez. Destaca a relevancia dun autor que escapou durante a Guerra Civil a Francia e que rematou exiliado en México, que traballou a favor do Partido Galeguista e tamén participou na creación do padroado de cultura galega no país de Frida Kahlo. Agora o recoñecemento que agardan que reciba o escritor de Vilamartín de Valdeorras está un paso máis preto coa entrega da candidatura.