Tres días para coñecer a Florencio Delgado Gurriarán

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Ángel Fernández será nomeado Irmán Maior da Irmandade
Ángel Fernández será nomeado Irmán Maior da Irmandade Ana Herrera

A Irmandade que impulsa o Día das Letras para o poeta de Córgomo está detrás da iniciativa

15 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, mañá e o sábado • A Irmandade de Florencio -a agrupación que impulsa a candidatura do poeta de Córgomo ao Día das Letras - organizou para os tres próximos días unha serie de actividades para dar a coñecer a figura de Florencio Delgado Gurriarán. O cartel de actos comeza esta mesma tarde (ás 20.00 horas, na adega A Coroa, de A Rúa) cunha mesa redonda na que se falará da historia de Valdeorras na preguerra, da vida do poeta e da labor do Instituto de Estudios Valdeorras para recuperar a figura de FDG. Intervirán o historiador Félix García Yáñez, a profesora Elva Delgado Vázquez e o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado.

Mañá (ás 19.30 horas, na Casa do Río Cigüeño en O Barco) analizarase o labor literario e cultural de Florencio. Estarán o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o académico Xesús Alonso Montero, o catedrático Camilo Valdehorras, e o biógrafo do autor, Ricardo Gurriarán.

A charla rematará coa inauguración da exposición «Verbena», do artista Roi Domínguez, formada por unha colección de debuxos feitos con viño.

O sábado pecharanse os actos en Córgomo (Vilamartín) o pobo no que naceu Florencio Delgado. Ás once haberá un percorrido histórico polo pobo, que tamén incluirá paradas en Arcos e Portela. Xa ás 12.30 horas, na adega Santa Marta, Ricardo Gurriarán e Xulio Pérez analizarán «Bebedeira», a obra que deu a coñecer ao poeta.

Pechará o acto o concerto do cantautor Anxo Rei. Na xornada está previsto tamén o nomeamento de Ángel Fernández, expresidente do IEV, como novo Irmán Maior da Irmandade.

Ademais, as xornadas complementaranse cunha campaña de recollida de anécdotas, recordos ou historias que os veciños de Valdeorras queiran contar sobre o poeta. A produtora Sintelobos encargarase de gravar as testemuñas para despois xuntalas todas nun vídeo. Haberá sets de rodaxe nos lugares de celebración das xornadas para que a xente que queira poida aportar as súas vivencias. No caso de que alguén non poida achegarse ata os lugares nomeados, desde a Irmandade de Florencio avísase de que «iremos onde faga falta». Para iso só é preciso chamar ao 667 427 300.