«Delgado Gurriarán foi o primeiro axente cultural de Valdeorras»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

ALEX

Débora Álvarez Moldes destaca as dificultades para encontrar algunhas obras do poeta

11 jul 2018 . Actualizado a las 18:53 h.

Valdeorresa de 1980, Débora Álvarez Moldes traballaba na biblioteca do Barco cando xurdiu a idea de reactivar a reivindicación dun día das Letras Galegas para o poeta Florencio Delgado Gurriarán, de Vilamartín de Valdeorras. «Xa houbo moitas iniciativas, pero non saían adiante. A última foi dunha asociación veciñal da súa aldea, de Córgomo, e non chegou a nada», explica Álvarez, que destaca o apoio recibido en toda a comarca: «Primeiro presentei o proxecto para o Concello do Barco e despois fómolo presentado a outros concellos, porque tiñamos claro que, se se facía, tiña que ser algo que englobase a toda Valdeorras».

-É indiscutible o recoñecemento en Valdeorras á figura de Delgado Gurriarán, pero moitas veces tórnase en descoñecemento fora da comarca. ¿É a eterna condena para os valdeorreses de vivir na periferia da periferia?

-Algo ten que ver. Ao final estamos nunha esquina, na fronteira. Eu estudei Filoloxía Galega en Santiago e estudábase Florencio e a súa figura. Hai algúns libros que fan mención a outros autores desa época e que non fan mención a Florencio, pero está en todas as historias da literatura galega. O que pasa é que eu creo que nós mesmos en Valdeorras cometemos o erro de non o potenciar entre o sector educativo. Por iso neste ano o que estivemos intentando remarcar máis son as actividades educativas para que os profes se involucrasen.

-¿Como saíu ese proxecto?

-Aos profes démoslle pautas e unhas liñas para traballalo cos alumnos. É un poeta que escribía para adultos, co cal, para en secundaria é moi doado, pero para traballar en primaria había que darlle unha volta. Pero ao final os nenos engancháronse e, aos que non os podiamos enganchar pola poesía, enganchámolos a través da súa vida, da súa historia.

-¿E por que cre vostede que Florencio Delgado merece o día das Letras Galegas?

-Porque é un axente cultural e agora que temos por primeira vez un ministro que é axente cultural, a ver se así se empeza a valorar un pouco esta tarefa. Florencio foi o primeiro axente cultural que tivemos na comarca. Desde que comezou a relacionarse co grupo Nós, con Fernández del Riego e demais, tiña a idea sempre de convidalos a Valdeorras, que eles viñeran e coñecesen a comarca. Dalgunha maneira, esa idea que tiña de levar Valdeorras por todo o mundo é fundamental para nós. Ademais, a súa poesía a min paréceme que está a altura doutros grandes escritores do momento.

-¿Desta vai?

-Sería marabilloso, pero non o sei, sinceramente. Supoño que terá algún apoio, pero tampouco estivemos a chamar á porta dos plenarios da Real Academia e non sabemos se nos van apoiar ou non. Tampouco nos parecía que ese era o método para traballar. Nós estamos a facer as actividades e en xaneiro o que faremos é presentar unha solicitude na Real Academia. Non o sei, xente namorada de Valdeorras hai moita polo mundo...

-Convocouse un concurso de poesía. ¿Tamén con el trátase de dar a coñecer figura de Florencio Delgado Gurriarán?

-Exacto, esa é a idea. E estamos dándolle voltas tamén a idea de publicar un pequeno fragmento da súa obra xunto cos finalistas. Esa tamén é unha maneira de reeditar a súa obra porque un dos graves problemas que temos agora é que moitas das edicións da súa obra estanse esgotando. Queremos así intentar poñer en marcha outra vez o interese das editoriais para que reediten a súa obra.

Quen é. Débora Álvarez Moldes naceu no ano 1980. Estudou Filoloxía Galega.

Que fai. É a directora do proxecto «As Letras de Florencio» que trata de conseguir que se homenaxee ao valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán coa celebración do Día das Letras Galegas.