Valdeorras únese para pedir un Día das Letras para Florencio Delgado Gurriarán

La Voz O BARCO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Desde a biblioteca barquense impulsan un programa comarcal sobre o poeta para difundir a súa obra no 2017

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A comarca de Valdeorras traballará unida para lanzar a candidatura do poeta de Córgomo (Vilamartín), Florencio Delgado Gurriarán, de cara a ser o homenaxeado co Día das Letras no 2018.

A idea de que o poeta merece tal recoñecemento leva anos escoitándose no oriente ourensán, pero ata o de agora non se tiñan feito propostas conxuntas de cara a conseguilo. Desta volta vaise intentar. Será o final dun proxecto máis amplo que están deseñando desde a biblioteca do Barco, que precisamente leva o nome de Florencio Delgado. A técnica de normalización lingüística está elaborando un proxecto para, coincidindo co 30 cabodano do pasamento do autor, -morreu o 4 de maio de 1987 en Estados Unidos-, levar a cabo un programa de actividades a nivel comarcal. «A idea é retomar a figura de Florencio, para dala a coñecer entre os habitantes da comarca de Valdeorras», avanzaba o alcalde barquense, Alfredo García, despois de reunirse con outros cinco rexedores da comarca para falar do tema. Serán, dixo, traballo de meses que terá como «colofón» a candidatura ás Letras para o 2018.

A de onte foi unha primeira reunión de alcaldes á que faltaron tres. Era unha primeira toma de contacto para que a técnica que se encarga da elaboración do programa fose adiantando algunhas ideas. «A vindeira semana teremos outra reunión, esta vez xa con números... Hoxe [por onte] déronse ideas, e queríamos ver cal era o sentir do resto de alcaldes, e todos os vimos positivo», sinalou García. Afondou o primeiro edil barquense en que será un proxecto «con vocación comarcal, exclusivamente comarcal, sen que ninguén teña preponderancia sobre ninguén».