Propietarios da tenda O Cabaceiro«A clave está en que hai que poñerlle paixón a todo ó que se fai»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

VILAMARÍN

Tamara e David abriron a tenda na rúa Pena Corneira da capital ourensá o pasado xuño.
Tamara e David abriron a tenda na rúa Pena Corneira da capital ourensá o pasado xuño. Santi m. amil< / span>

Cambiaron a filoloxía e o mecanizado polo cultivo e venda de produtos da terra

15 feb 2016 . Actualizado a las 13:55 h.

Máis terras cultivadas para seguir surtindo a súa tenda. Ese é o soño de futuro de Tamara e David que xa está agromando no ultramarinos O Cabaceiro, un establecemento centrado na oferta de produtos galegos, frescos e en conserva, e na venta a granel. Tamara é unha namorada do campo. Di que non se arrepinte de haber feito a súa carreira de filoloxía galega «pero houbera agradecido que alguén me falase de que na aldea tamén se podía vivir; porque eu sempre tiven fixación polo campo pero ninguén me animou», conta. Rematados os estudos foi vivir unha tempada cos seus avós para «descansar da cidade». Poucos entenderon que aquela fose unha opción persoal. «A frase que máis che dicían era: ?ti non estarías mellor en Ourense??». Traballou en casas rurais e albergues na Ribeira Sacra durante dous anos. Alí topou a David. «Son moi rural, e gustaríame selo máis», comenta este mozo que comezou o seu periplo laboral en Porriño, nunha fábrica de tornos, e despois estivo noutras empresas antes de descubrir «a cantidade de produtos e o potencial que temos aquí».

Antes de abrir o seu ultramarinos visitaron algunhas tendas dedicadas ó granel, tanto en Galicia como noutras comunidades do Estado. «Na provincia de Ourense hai moita xente que está traballando horta, incluso xente nova que está empezando a cultivar, e pensamos que iso era o que queríamos ofrecer na nosa tenda: produtos cultivados de xeito tradicional e respectuoso co medio», explica David. «Non todos os produtores teñen xa o selo ecolóxico, pero buscamos persoas que na trazabilidade do que cultivan teñen ese xeito de produción, sen químicos. Coñecémolos de primeira man, visitamos as súas instalacións e sabemos como traballan. Son xente que coida o cultivo, e o fai de forma orgánica, sen tratamentos, porque é para eles, para a casa. Nós o que lle compramos é o excedente», matiza Tamara.

Eles mesmos cultivan terras en Vilamarín. De alí sacan unha boa parte dos produtos de cada tempada; dende os repolos e verzas do inverno, ó calabacín ou as berenxenas. «Repartimos o tempo entre a tenda e a terra», explican. Non é que tiveran un gran patrimonio, pero puxéronlle ganas e conseguiron algunhas «finquiñas soltas», aclara David. Unha tarefa nada sinxela «porque aquí é moi complexo lograr que a xente ceda un terreo, aínda que o teña baleiro e saiba que non o vai cultivar nin el nin os seus descendentes, porque viven fora e non poden ocuparse delas no día a día», engade.

Ambos pensan que as institucións deberían axudar a aproveitar eses terreos ermos dándolle maior pulo a ideas como o banco de terras. «No meu parecer, é algo a ter moi en conta na nosa provincia. Fai falla por en contacto a persoas dispostas a facer esa cesión por un aluguer os que queren dedicarse a cultivalas e sacarlles proveito», conta Tamara.

Pero ese foi só un dos problemas para facer realidade o seu soño. Tamén tiveron que afrontar a falta de canles de distribución deste tipo de produtos. «Noutras comunidades hai cooperativas de comercialización, pero aquí costa moito facerse con un núcleo de produtores estable. Non por atopalos, senón porque haxa continuidade. Aínda estamos buscando nalgúns produtos», contan.

O terceiro reto foi atopar o local. «Custounos tempo. Nun primeiro momento plantexamos un posto de granel na praza de abastos, que daquela se ofertaban a prezos moi baixos, pero ó final aquilo foi todo una traba constante, un camiño cheo de atrancos» conta Tamara. «Tivemos que patear moito, queríamos quedarnos preto do centro, porque no propio centro eran imposibles, carísimos» engade David.

Pero a pesares de todas as dificultades, están satisfeitos da elección e da resposta do público. «A clave está en que hai que poñerlle paixón a todo o que se fai», resume Tamara. O público está premiando esa aposta e o perfil de compradores estase ampliando, e aínda que a maioría son mulleres entre 35 e 55 anos «cada vez temos xente máis nova», contan.