O aumento é significativo en toda a provincia nos últimos meses, segundo constatan os promotores da iniciativa Palabra e Memoria
24 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A utilización do galego nos cemiterios galegos e ourensás estase incrementando. No da Gudiña, hai once familias que optaron pola lingua autóctona para as inscripcións nas sepulturas, segundo constatou Cristina Fernández, historiadora e secretaria da Asociación Os Torgueiros, que fixo un traballo de campo nese camposanto. «Hai uns meses a provincia de Ourense era un territorio de difícil para a iniciativa Palabra e Memoria, que estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos. Agora xa existen rexistros de case todos os concellos», constatan os promotores desta investigación.
O primeiro traballo de campo sistémico fíxoo Noela Broz Primo no cemiterio de Viana do Bolo e certificou un incremento do uso do galego nas inscripcións funerarias. Aquí, case 40 familias, dun total de 237, abriran as portas ao uso do idioma galego escrito para recordar os seus parentes falecidos. A porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras «muller», «home», «fillos» ou «netos» alcanzaba o 10%, o dobre da media galega (5%).
En A Gudiña, a historiadora Cristina Fernández comprobou que existen once sepulturas, dentro dun total de 139 panteóns, con epitafios en galego. Todos son do século XXI, posteriores ao 2005. A iniciativa Palabra e Memoria quere seguir comprobando como está a situación nos concellos Arnoia, Pontedeva, Entrimo, Calvos de Randín, Os Blancos, Vilariño de Conso, Vilar de Barrio, Sarreaus, A Teixeira e Cualedro.