«Escribir é descargar a alma»

María Doallo Freire
maría doallo O BARCO

VIANA DO BOLO

Palma Roca

Unha pastora que dedica o seu tempo libre á escritura, á escultura e á fotografía

25 abr 2019 . Actualizado a las 20:58 h.

Nieves Fernández Vidueira (Quintela de Pando, Viana do Bolo, 1962) leva toda a súa vida sendo pastora. Precisamente debido a todo o tempo que pasa soa coas ovellas, Nieves descubriu, hai máis de vinte anos, que tiña numerosas habilidades artísticas que podía empregar tanto para suplir diferentes necesidades como para mostrar ao mundo o seu sentir e o seu pensar. Realiza esculturas de madeira, escribe poemas a diario e incluso recentemente descubriu que podía construír traxes de boteiro con materiais reciclados. Este sábado, ás 20.00 horas, presenta o seu primeiro libro de poemas, Retrincos do meu ser, como acto central da Feira do Libro de Viana do Bolo. Será no salón de plenos.

-De onde xorden todas estas aptitudes artísticas?

-Polo meu traballo paso moitas horas soa coas ovellas e rodeada de natureza. Para min o monte é unha fonte de inspiración constante. A isto engádense as necesidades coas que me atopei na miña vida. Cando os meus fillos eran pequenos, na miña casa non había cartos e decidín realizarlles os xoguetes eu mesma. Así descubrín que me gustaba tallar a madeira. As figuras xa están alí cando collo a peza, eu só as libero.

-Tamén escribe e saca fotos...

-Si. Escribir é a miña ferramenta para descargar a alma. Escribo tódolos días porque a natureza e a paisaxe que me rodea obrígame a facelo, creo que calquera que se dedique ao pastoreo sentirase moi identificado co que escribo. Tamén me encanta sacar fotos dende que podo recordar, pero nunca tiven diñeiro para investir no revelado e por tanto non podía facelo. No 2013 os meus fillos, Iván e Jorge, regaláronme un móbil con cámara e o mundo cambiou para min, puiden comezar a facer o que levaba toda a vida querendo: plasmar en fotografías o que eu vexo a diario no monte, porque Quintela de Pando é o sitio máis bonito do mundo. A día de hoxe teño miles de fotografías arquivadas, porque estou rodeada de lugares marabillosos. Como dicía miña avoa, «non hai terra mala, senón a que as persoas non saiban preparar». E tiña toda a razón.

-Como nace «Retrincos do meu ser»?

-Dende o 2013, cada día publico na miña páxina de Facebook un poema acompañado dunha foto coa que está relacionado. Este libro é unha recompilación de tódolos poemas publicados ata o 2016 e inclúe tódalas fotos, por suposto. A verdade é que nunca me esperei que o que eu escribo puidese gustar á xente, pero parece que si, teño moita actividade na rede social e ata me permite coñecer a persoas de fóra que senten as miñas palabras coma se fosen súas. Retrincos do meu ser é o primeiro e espero que chegue á xente, de ser así seguiriamos publicando máis libros. Só do ano 2017 teño ao redor de 400 poemas e fotos, así que se todo vai ben haberá segunda parte e mesmo terceira.

-De que tratan os poemas?

-Falo da vida, dos sentimentos, tanto bos como malos, pero tamén aproveito para reivindicar e denunciar situacións coas que non estou de acordo.

-Que é o que máis ilusión lle fai da publicación?

-Eu quero que o libro sexa un regalo para Viana do Bolo. A min emocióname moitísimo o feito de que a xente das aldeas e do municipio de Viana recoñeza o que fago, nunca o cheguei a imaxinar, a verdade. É marabilloso que a xente te queira porque é ben sabido que os pastores sempre fomos a última carta da baralla, e se iso empeza a cambiar significa que as cousas estanse facendo ben. Espero que a todos eles lles guste o que escribo e que os trasporte aos recunchos onde teñen tantos recordos.

-A quen está dedicado o libro?

-Primeiro de nada vai dedicado a miña avoa, que foi a persoa que me criou, e grazas a ela son a persoa que son hoxe. E despois aos meus fillos e ao meu home, Quico, porque sempre me apoiaron en todas as miñas aventuras, mesmo comprándome un móbil con cámara, que foi o que fixo posible todo.

-Cal é o seguinte paso que quere dar no mundo da arte?

-Agora estamos traballando no acondicionamento dunha sala en Quintela para convertela nun museo e poder expor tanto os traxes de boteiro que fixen con produtos naturais como as máis de 700 pezas talladas en madeira que levo feitas.