O amor a Viana traducido en libros

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

VIANA DO BOLO

LOLITA VAZQUEZ

O avogado Nemesio Barxa formalizou a cesión da súa biblioteca persoal ao concello no que naceu en 1935

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nemesio Barxa naceu en Viana do Bolo por casualidade. Os seus pais «mestres ilustrados e da república», segundo el conta, chegaron á localidade para traballar. Un impartía clase na escola do Castro e outro na de Caldesiños, onde vivía a familia. Alí estivo «ata os sete ou oito anos» cando tocou traslado, mais sempre quedou ese apego á terra a través da avoa postiza que tiña en Filomena Sierra, unha muller con catro fillas e un fillo que o acolleu como o neno que non había na casa. E aí volvía Barxa todos os veráns. «En Viana vin a primeira luz, aprendín a ler, tiven os primeiros xogos, espertei á adolescencia...», relataba. «¿Como non ía querer a Viana?», preguntábase, deixando escapar a emoción que foi medrando no seu discurso. E daquela recuperou (e adaptou) a Celso Emilio Ferreiro para dicir que «quéroa porque si, porque me gusta e me dá a gana». Volvía entón a cando era mozo, a aquelas entradas na praza Maior a cabalo. Máis impresionantes que nun Ferrari, dixo.

Namorado da terra natal, «nun momento pensei que se quería a Viana, tiña que demostrarllo», e reparou daquela na súa biblioteca, ese orgullo de libros acumulados durante toda unha vida dos que algúns xa chegaron en forma de herdanza dos pais, como os Contos Vianeses, de Laureano Prieto, ou a Cuarta Melodía, de Manuel García Paz. En máis de oito décadas de vida, Barxa xuntou máis de 7.000 libros, «aínda que tamén están incluídos os profesionais, que non teñen interese para o público en xeral», explicaba sobre a cesión que fará. Ao final, uns 5.000 volumes «de historia, literatura, poesía, arte, dicionarios... sobre todo en portugués, galego e castelán, pero tamén noutros idiomas», relataba. Todos eles pasarán a ser propiedade do Concello de Viana ao seu pasamento. Barxa verá así cumprido o seu soño de que eses libros que egoistamente atesouraba en privado (como el mesmo dixo) serán para uso e goce de moita xente. «Entra no que era necesario nunha comarca que ten que vivir do seu, económica e culturalmente», argumentaba, recordando que é un pobo illado, con autonomía, rodeado de montañas. «Hai que subir para ir á Gudiña, a Trives ou a Ourense», relataba.

«Esperamos que tarden moito tempo en vir os libros», apuntaba o alcalde, Secundino Fernández, no acto de firma do legado. Pechábase así un proceso que comezou coa aceptación da cesión, que foi aprobada en pleno por unanimidade hai máis de seis meses, e que onte se concretou coa firma do avogado ante notario. Foi nun celebrado no salón de plenos no que Barxa e os políticos do goberno estiveron acompañados de varios veciños. Foi un momento no que non faltaron os reencontros con vellos amigos, os abrazos e as risas.

Barxa é un home de leis (é o avogado en activo de maior idade na provincia) con gran amor polo idioma e pola terra. Amor por todo o país, e en especial por esa vila na que naceu, e á que quere volver cando morra, para que esparexan as súas cinzas no embalse do Bao. Volverá el e virá acompañado dos seus libros. «Facédesme moi feliz pensando que aquí vai quedar algo da miña vida. E aínda me sinto máis vianés», remataba o seu discurso.

Como agasallo, o alcalde entregoulle unha escultura dun boteiro, que Barxa prometeu colgar na súa vivenda en canto regresase; así como un exemplar de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Agradecido, o avogado respondeu: «Vóuvolo devolver». Será no futuro, xunto cos outros 7.000 libros.