María Victoria Moreno deu clases no Ateneo e estudou o galego de Grou

La Voz OURENSE / LA VOZ

VIANA DO BOLO

MIGUEL VILLAR

A actividade desenvolveuse no curso 1974/75 e organizouna Gonzalo Iglesias Sueiro

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia celebra a festa das Letras Galegas e hoxe faino cunha protagonista con nome propio e faceta docente: a profesora e escritora María Victoria Moreno. Aínda que a traxectoria profesional desta cacereña que se distinguiu polo seu amor ao galego se desenvolveu de xeito maioritario na zona de Pontevedra, cidade na que hoxe se realizan os actos da Real Academia Galega, tamén tivo algunha relación coa provincia de Ourense. Segundo lembra a propia RAG nos artigos e entradas que foi incorporando á súa web, a autora á que se lembra do 2018 deu clases de galego no Ateneo de Ourense no curso 1974/75. Sinálase ademais que polos cursos que desenvolveu en Vilagarcía e Ourense tivo algunha represalia e lle foi retirado o pasaporte pola Policía.

No Ateneo estaba de presidente naquela altura Manuel Cabaleiro e formaban parte da directiva, entre outros, José Manuel Díaz, José Luis Tovar, Xaime Quessada, Manuel Peña Rey e Gonzalo Iglesias. Este último lémbrao perfectamente. «Eu fun o encargado de organizar o curso. Foron uns meses e empregáronse como libros de referencia os que estaban daquela en vixencia para estes cursos: Galego 1, Galego 2 e Galego 3. O que non me consta é que houbese algún problema ou censura por iso. No caso do Ateneo a iniciativa desenvolveuse con total normalidade. Ademais desta actividade fumos a Grou porque ela quería facer un estudo sobre a existencia, ou non, de diglosia na zona. Falou coa xente do pobo, fixéronse enquisas e nas conclusións do traballo ela sinalou que se constataba esta situación e que se daba cando os veciños desenvolvían as xestións ou os procedementos diante da Administración», lembrou onte Iglesias Sueiro.

Ausencia dos libreiros

A celebración do 17 de Maio chega con polémica na cidade, ao non saír os libreiros á rúa pola falta de axuda do Concello. Dende Ourense en Común o seu portavoz, Martiño Xosé Vázquez, definiu ao alcalde, Jesús Vázquez, como «o Torquemada contra o galego». A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, lembrou que hai unha convocatoria de axudas, por concorrencia competitiva, á que se poden presentar os libreiros. «En todo caso, dende o Concello animamos aos cidadáns que merquen libros en galego, o 17 de Maio e todo o ano», dixo Belén Iglesias.

Citas por todo Ourense para festexar o galego

O programa das Letras inclúe hoxe, entre outras, as seguintes actividades.

ourense

Concertos e «ciclobiblioteca». No Valente estará Luis Vallecillo e a súa banda co espectáculo «Cantamos un conto?» (11.30 horas). Logo haberá concerto de Sonoro Maxín e Anxo Moure percorrerá as rúas coa súa «ciclobiblioteca».

o carballiño

Recital do Círculo Poético Ourensano. Na Praza Maior haberá un recital dos membro do colectivo. 12.30 horas.

o barco

Festa na praza Maior. Actores e músicos de Valdeorras participan na festa a partir das 20.30 horas na praza Maior.

a rúa

Feira do libro e teatro. Na praza do Concello, de once a unha, feira do libro. Ás seis, teatro.

verín

Gala músico-literaria. Ás sete, no auditorio, haberá un recital literario con música a cargo da banda do conservatorio.

viana do bolo

Lectura pública. Ás cinco na praza Maior leranse fragmentos da obra de M. Victoria Moreno.