Viana fará un acto de desagravio a Casares pola súa expulsión do instituto en 1970

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

VIANA DO BOLO

Carlos Casares empezou a dar clase no IES de Viana do Bolo, que agora leva o seu nome
Carlos Casares empezou a dar clase no IES de Viana do Bolo, que agora leva o seu nome LOLITA VÁZQUEZ

O entón alcalde, Neftalí Prieto, abriulle un expediente ao escritor, que rematou coa súa salida da docencia en Galicia

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No curso 1969-1970 Carlos Casares comezaba a súa andanza na ensinanza no instituto de Viana do Bolo, daquela de titularidade municipal (e que hoxe leva o seu nome). Eran tempos do franquismo e para estudar no centro había que pagar unha taxa; algo sobre o que Casares e outros máis do claustro de entón estaban en contra, por prexudicar aos desfavorecidos. Tamén pedían comedor de balde para os que menos tiñan. E outras cousas.

A historia foi que «sempre o tiveron de ollo», segundo conta o alcalde actual, Secundino Fernández; así que aproveitando unha obra de teatro representada polos alumnos da que Casares era director, o entón rexedor, Neftalí Prieto Barrios, abriulle un expediente ao escritor. «O alcalde foi o máximo impulsor daquilo, que acabou coa expulsión de Casares da docencia en Galicia, e tivo que marchar para Euskadi... Dixeron que era unha obra de teatro subversiva, porque falaba de caciques e de señores feudais, e abríronlle o expediente. Incluso o acusaron de ser o autor da obra, que era doutro profesor do centro, Manuel Ramos Castromil», rememora Fernández.

O goberno municipal quere mudar a situación, e preparou para o xoves un acto de desagravio co escritor. No salón de plenos haberá unha sesión extraordinaria na que se aprobará «repudiar publicamente as accións que levaron á expulsión de Carlos Casares de Viana e da docencia», avanza o rexedor. Chegará ao pleno en forma de proposta da alcaldía, por ter sido precisamente un alcalde o que impulsara o expediente. «Pensamos que estas cousas teñen que facerse en vida; pero xa que non se fixo, hai que facelo, porque Casares tivo un comportamento moi bo ca xente de Viana», argumenta Fernández.

O acto será ás 13.00 horas e irán representantes da Fundación Carlos Casares (os nomes aínda están por confirmar), e tamén se cursou invitación aos responsables da Consellería de Educación, por ser este tamén un acto de homenaxe á labor docente do protagonista do Día das Letras.