Secundino Fernández, alcalde do BNG: «A nosa vontade sempre foi a de ter acordo co PSOE para gobernar»

María Cobas Vázquez
m. cobas O BARCO / LA VOZ

VIANA DO BOLO

cedida

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

OBNG xa non goberna en minoría en Viana do Bolo. Despois de máis de ano e medio en minoría, a entrada dun novo concelleiro do PSOE no salón de plenos, e a súa incorporación ao grupo que lidera Secundino Fernández, cambiará as cousas.

 

-¿Foi fácil a negociación?

-Eu penso que si. Nós sempre dixemos que tiñamos interese en ter un acordo co PSOE. Dixémolo cando saín elixido alcalde no seu día, hai ano e medio, e seguímolo dicindo sempre. ¿Que pasa? Cando por unha parte hai interese e pola outra non, non hai posibilidade; se polas dúas partes hai interese, non foi complicado. Agora temos que seguir falando para chegar a un acordo de goberno, isto é unha declaración.

-¿Entón o problema non era co PSOE? ¿Era co concelleiro que había antes?

-Non o sei, imaxino... Nós a interlocución tiñámola co concelleiro, e quen poñía as pegas e votaba nos plenos era o concelleiro. Supoño que sería el, pero son cousas que teñen que valorar no PSOE, eu non o vou facer. A nosa vontade sempre foi de ter acordos, porque entendemos que non temos a maioría absoluta e hai que chegar a acordos para gobernar. Neste ano e medio non houbo posibilidade, sempre se nos boicoteou. Houbo un cambio de persoas, e no momento en que a acta chegou ao concelleiro que vai ser, entón nós a partir de aí decidimos falar con eles, e eles con nós, e non houbo demasiado problema para empezar a falar e chegar.

-¿Como ten sido este ano e medio de goberno en minoría?

-A ver... Foi un goberno, en determinados aspectos non complicado, senón que moi agresivo por parte da oposición. O único obxectivo que tiñan era boicotear todas as propostas do goberno, e con todo sacamos adiante un ano e medio moi positivo para sentar as bases de toda a labor que temos que facer: abrir a casa do concello á participación social, reparar as infraestruturas abandonadas, amañar os edificios públicos, facer actividades culturais e deportivas... A pesar dese boicot, penso que respondemos ás expectativas cidadás, porque houbo un cambio e vírono os veciños, de actitudes e de talante, e de tratar de solucionar os problemas da xente. E todo iso a pesar de que ata que houbo sentenzas, foron a por min, cun acordo plenario no que pretendían substituírme dunha maneira ilegal... E a finais do ano pasado, sen argumentos de ningún tipo, rexeitaron os orzamentos municipais. A situación era de intentar boicotear, e aínda así, creo que os veciños se deron conta de que o goberno que temos é totalmente distinto ao que había, e estamos para solucionar os problemas da xente.

-¿Que vai supoñer o pacto?

-Agora teremos unha tranquilidade administrativa, de ter unha maioría absoluta e haberá máis tranquilidade desde ese punto de vista. E tamén teremos outra persoa que será importante que dea as súas opinións e faga as súas aportacións para mellorar o goberno, porque sempre se poden mellorar as cousas. Temos que seguir falando e negociando para chegar ao acordo de goberno, porque este é un pequeno adianto para comprometernos por ambas partes, a entrar no goberno e na xunta de goberno, e tamén aprobar os orzamentos para 2017. Comprometeuse o concelleiro do PSOE a seguir para ter unha área determinada e aparte diso, ter medios para poder levala a cabo.

-¿Cambiaron os presupostos para chegar a acordo?

-Non. Son os nosos. Cando plasmemos todos os acordos, igual temos que facer retoques.

-¿Terá dedicación o edil?

-Non falamos diso, nin da reorganización do grupo. O tema de sacar os orzamentos é por cuestións administrativas, de temas legais e informes, que se pasa desta semana a xestión sería máis complicada, por culpa da prórroga.