Os sons do entroido teñen na repercusión un feito diferencial

x. m. r.

VIANA DO BOLO

Os folións son os protagonistas musicais de entroidos como o de Viana do Bolo.
Os folións son os protagonistas musicais de entroidos como o de Viana do Bolo. lolita vázquez< / span>

Varios investigadores e antropólogos estudan a música do carnaval

18 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O entroido é o tempo da transgresión do establecido, das máscaras e personaxes de carnaval que identifican comarcas e tradicións. E xunto a estes, a festa conta tamén cuns sons característicos que fan deste tempo uns días con música propia. Neste aspecto inciden varios investigadores e antropólogos nunha serie de traballos que espalla o Consello da Cultura Galega.

Os disfraces bótanse ás rúas neste tempo acompañados polo xeral por bastante estrondo, nas diferentes manifestacións sonoras ao uso. Dende as chocas aos tambores, pasando polas comparsas, charangas ou folións, o certo é que «o ruído fai parte ineludible desta festa». Mais o certo é que non calquera clase de ruído, xa que se amosan importantes peculiaridades musicais nas tradicións vencelladas ao entroido.

Para o antropólogo Rafael Quintía é preciso distinguir entre música e son, ao tempo que lembra que nesta festa están as dúas presentes «pero se ben en calquera festa hai música, no entroido ten unha importancia ritual». Pola súa banda Pablo Carpintero, autor do traballo Os instrumentos musicais na tradición galega, incide no feito de que hai elementos moi específicos que só saen no entroido, mais non vale calquera instrumento «xa que a idea, principalmente, é armar balbordo». Lembra o investigador que o entroido é a contraposición da norma «e na tradición musical, a norma é a melodía, e o contrario o ruído. Entón neste caso é o ruído o que predomina».

Carpintero incide no feito da variedade de sons vencellados a estas festas, facendo referencia a que «hai campás e chocas, sobre todo nas máscaras de Ourense como os peliqueiros. E logo hai elementos como as vinchas que levan as pantallas, entre outras máscaras, que tamén fan moito ruído».

Folións, os máis elaborados

Dentro dos sons do entroido uns elementos singulares son os folións, que representan formacións máis elaboradas e que son habituais nas festas de Trives ou de Viana e Vilariño de Conso. Carpintero lembra que «consisten nunha multitude de persoas armadas de diferentes instrumentos de percusión. Dependen moito da parroquia, pero caracterízanse polo predominio da percusión. De feito cada parroquia adoita ter unha estrutura rítmica particular».

Os tambores e os bombos, así como as ferramentas agrícolas nalgunhas zonas, son outros dos elementos que se convirten en protagonistas ao longo das festas que marcan a rebelión contra a orde establecida. Unha música, a deste tempo, que nada ten que ver cos sons que aparecen como protagonistas no folclore tradicional ao longo do ano.

Comparsas, charangas, coplas e cancións satíricas teñen o seu protagonismo

Ao tempo que o entroido conta con sons propios, en moitos casos identificativos do lugar e só para estas datas, tamén existen músicas que vencellan o carnaval con outras festas. Comparsas, charangas, murgas, as chamadas danzas brancas ou os gaiteiros nalgúns casos tamén acadan o seu protagonismo nestes días. Unha circunstancia, como lembra o propio Pablo Carpintero, que mesmo acontece «nos máis ancestrais entroidos ourensáns, nos que as músicas do entroido incorporan propostas propias doutras celebracións». Tamén indica que a música cumpre funcións como a de acompañar a figuras tradicionais, como os peliqueiros ou os boteiros, e mesmo se emprega para que o pobo o pase ben.

Da banda ás orquestras

Os investigadores sinalan o feito de que das bandas de música xorden as charangas e que a principal diferenza destas coas murgas é que non teñen gaitas e «empregan sobre todo instrumentos de vento, pero os repertorios podían ser os mesmos». Nun determinado momento as murgas incorporan o acordeón, mentres as charangas van evoluindo cara ás actuais orquestras. Comparsas, charangas e murgas forman daquela os elementos musicais máis representativos dos entroidos urbanos, unhas festas nas que tamén teñen un protagonismo as coplas e as sátiras.