Eras un ser extraordinario: único e irrepetible. Gustábache cantar a canción de Carlos Puebla Hasta siempre, comandante. Quizais por ese motivo algúns chamáronte así, comandante. Eu sempre te chamei Fidel, que era o teu nome. Fidel Fernández Núñez, o home que facía crecer a alegría como unha fonte de espuma: branca e azul, bandeira de Galicia. Apareces xunto con Rosa, a túa muller, en moitas das miñas novelas. Eras un entusiasta: da vida e das palabras. Primeiro, camareiro no bar Los Amigos. Despois, convertíchelo no Magnolia. E, anos despois, edificaches ese templo da amizade denominado Fidel's. Na súa fachada reza unha placa na que se pode ler: «Tertulias nocturnas». Era o que máis che gustaba: falar. Iso creo eu, que vin contigo moitos amenceres. Lembro a barra do Magnolia e a cristaleira ao fondo cando o sol comezaba a arrancar os pétalos do novo día. Eran horas, dicía Rosa. Certo, tempo de durmir. Ou ir soñar. Os soños deixaron de estar de moda, meu querido amigo. Xa son poucos en Verín os que pretenden ser un rolling stone. Ti si. Lembro como achegabas a túa faciana á billa da cervexa. Axitabas a túa melena negra. Sacabas os morros, tipo Mick Jagger, e gritabas: «Satisfaction». Así camiñamos durante décadas. Décadas fermosas, plenas de luz. Quizais ti todo o iluminabas. Cada entroido facías dun tema musical un éxito na comarca. Cada noite debuxabas lúas, sen nubes. Cada amigo, un abrazo. Nunca poderei esquecerte. Hai cincuenta anos que te coñezo e agora non son capaz de dicirche adeus. Non son capaz. Permíteme, polo tanto, volver á canción dos camaradas. «Aquí se queda la clara, la entrañable transparencia de tu querida presencia». Ata sempre, comandante.